A orde cronolóxica recuperará peso en Twitter

martes, 18 de setembro do 2018 Marcus Fernández

En 2016 Twitter anunciaba un importante cambio no seu funcionamento, de xeito que a orde cronolóxica inversa dos chíos dicía adeus para incluír unha selección de chíos importantes das persoas á que seguimos, na que tamén foron coándose chíos de persoas á que non seguimos directamente e información sobre a actividade doutros usuarios, mudando substancialmente o funcionamento básico de Twitter, o que molestou a moitos usuarios, de aí que finalmente a compañía estea pensando en dar opcións para que iso non sexa así.
Dende Twitter veñen de dar conta de novos xeitos para que os usuarios poidan controlar o que ven na súa cronoloxía, ante o fracaso de conseguir equilibrar o peso dos últimos chíos co dos mellores chíos, polo que están a traballar na incorporación dunha opción que permita volver a dar prioridade á orde cronolóxica, que probarán nas vindeiras semanas.
Amais, cando desmarquemos na configuración de amosarme os mellores chíos primeiro, desaparecerá tamén a sección cos chíos máis importantes que puideron deixarse pasar tras varias horas sen conectarse e unha selección de chíos recomendados de xente á que non se segue, axustándose máis á vontade dos usuarios.
Nas vindeiras semanas iranse incorporando cambios a Twitter, co que esta plataforma semella querer volver ao rego, ante o rexeitamento que está a provocar que os algoritmos definidos por xigantes tecnolóxicos sexan os que decidan as informacións que están ao noso alcance.

PUBLICIDADE