A operadora galega R, patrocinadora do equipo Fundación Celta Integra

martes, 9 de marzo do 2021 S. P.

A operadora R confirmou este 9 de marzo a renovación do seu convenio coa Fundación Celta Integra, o que volve situar a compañía galega de telecomunicacións como patrocinadora da entidade deportivo-social. O director da Fundación Celta, Germán Arteta, e máis o director Corporativo Empresas de R, Isidro Fernández de la Calle, acudiron á Cidade Deportiva Afouteza, en Mos, para inmortalizar o acordo cunha foto a carón dunha representación reducida do equipo, “en resposta aos requirimentos de seguridade da pandemia”.
Segundo fixeron saber, este novo convenio dá percorrido á colaboración entre ambas as dúas entidades, que xa se concretara nun acordo anterior para igualmente subscribir o apoio de R ao equipo Celta Integra, onde xogan persoas do colectivo D.I. (con discapacidade intelectual).
Desta maneira R xa é patrocinadora oficial do conxunto Celta Integra que xoga en LaLiga Genuine competición de equipos do colectivo D.I organizada por LaLiga.
Por certo que esta vertente deportivo-solidaria da firma de telecomunicacións achegounos os días pasados un novo fito galego, ao confirmarse, tamén, o patrocinio ao Deportivo LaLiga Genuine.
Germán Arteta subliñou que “o crecemento do Celta Integra é exponencial dende os seus inicios. A evolución das persoas que o compoñen móstrase a través de moitos valores que nos fan sentirnos orgullosos delas como a inclusión, a sociabilidade, a autoconfianza, a puntualidade ou a amizade; valores que están cada vez máis presentes e normalizan as súas vidas. Dende a Fundación Celta temos un compromiso coa sociedade e podemos dicir que esta é a actividade da que nos sentimos máis orgullosos. Sen empresas colaboradoras como R alcanzar eses obxectivos non sería posíbel”.
Isidro Fernández de la Calle, pola súa banda, asegurou que para R “é unha honra colaborar de novo co equipo Celta Integra, desta volta como patrocinador oficial. Este acordo resume perfectamente a nosa aposta compartida polo deporte, pola integración social e por valores tan importantes coma a deportividade”.

PUBLICIDADE