A operadora galega Ocean´s abre tenda en liña

mércores, 5 de agosto do 2015 Redacción

Ocean´s segue adiante comunicando novidades (sendo unha das máis salientábeis a vindeira inclusión da tecnoloxía 4G entre os seus servizos) e esta semana púxonos ao tanto da apertura da súa tenda en liña, activa dende o serán deste mesmo martes. A través deste recuncho de distribución online, sinalan fontes da empresa galega, os usuarios poderán contratar a golpe de clic e dende a mesma páxina web “os nosos produtos e servizos”. E isto sen necesidade de pórse en contacto coa firma a través do número de atención ao cliente, o 1770, que, malia todo, seguirá operativo e coexistindo coa tenda.
Nun primeiro intre están habilitadas para a contratación en liña tanto as tarifas móbiles para particulares (Terra) como as orientadas a empresas (Xpyme). Logo, de xeito progresivo, iranse engadido os restantes produtos e servizos da operadora galega.
A través da tenda online poderán seleccionarse os distintos módulos adicionais dispoñíbeis segundo tarifa, tales como a tarxeta multiSIM ou a ampliación da tarifa de datos en 1GB. O punto de partida do establecemento dixital céntrase pois nos produtos de telefonía móbil, pero a empresa subliña que “en breve sumarase a totalidade do catálogo de produtos, convertendo esta opción nunha ferramenta completa e intuitiva para levar a cabo a contratación en liña de calquera servizo Ocean´s”.

PUBLICIDADE