A operadora R incluída na listaxe das mellores empresas para traballar en España

mércores, 25 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Xa está na Rede a listaxe das 50 mellores empresas para traballar en España, edición 2012, para quen queira vela e sexan cales sexan os seus motivos: encamiñar o envío de currículos, tomarlle o pulso á imaxe pública do tecido económico ou ben usar a listaxe para facer unha clasificación alternativa, que sempre é posíbel. Pois ben, botándolle unha ollada rápida volvemos atopar nesta escolma presenza galega, concretamente a da operadora R, que suma este recoñecemento ás recentes inclusións do seu nome entre as clasificacións de empresas de telecomunicacións que máis satisfeitos deixaban aos seus clientes.
A listaxe vén da man da empresa Great Place to Work, firma global de investigación e asesoría que dedica os seus esforzos, a maiores, a axudar ás organizacións a identificar e crear emprazamentos laborais de referencia. Isto, sinalan, conséguese a través da aposta firme por “lugares de traballo confiábeis”. É dicir, o que comunmente se coñece como “bo rollo ou bo ambiente laboral”. Amais de R, a edición 2012 da clasificación destaca pola presenza dunha manchea de empresas do sector das novas tecnoloxías, é o caso de Microsoft, Infojobs ou Vodafone. Nos primeiros postos están Novartis, Atento, Ikea e a devandita Vodafone. Estas informacións, por certo, non deixan de achegar un contraste rechamante coas novas que aparecen cada pouco na Rede e que non semellan corroborar os datos positivos que se achegan na escolma. Por exemplo os despedimentos recentes de Ikea en varios puntos da xeografía española (Euskadi, Sevilla) ou os de Atento na Coruña. No caso de Vodafone, cómpre lembrar que hai pouco vimos que se prepara un ERE no seu seo e xa se fala de posíbeis recortes.
Leas a parte e polo que respecta á explicación da presenza dun bo número de empresas TIC na listaxe en cuestión, posiblemente haxa que buscala na experiencia da innovación mesma, que nos mellores casos non se dirixe só á produción propiamente dita de servizos e produtos, senón tamén á mellora das condicións laborais e do clima interno de traballo.
A listaxe das 50 mellores empresas faise tras avaliar a opinión dos empregados de máis de 250 organizacións. Segundo conta a empresa que se encarga destas escolmas, as mellores empresas salientan en boa medida polo potencial para crear postos de traballo. De feito, sinalan, habilitáronse no seu propio seo case 5.000 novos postos durante 2011, acadándose un medre de máis do 3%, e todo nun panorama de crise xeral que semella deixar cada vez menos aire para respirar.

PUBLICIDADE