A operadora Adamo leva Internet ultrarrápida ao concello lugués de Carballedo

xoves, 13 de abril do 2023 S. P.

O alcalde de Carballedo e o repsonsábel de Adamo en Galicia

A veciñanza de Carballedo, en Lugo, está xa conectada á rede de Internet ultrarrápida grazas á operadora Adamo. Arredor de 100 familias do concello lucense xa navegan coa conexión de até 1.000 Mbps que achega a dita empresa con sede en Barcelona e enfoque rexional e local. Este só é o primeiro paso dun despregadura que levará fibra óptica a un total de 1.500 domicilios de Carballedo, posto que ao centenar de fogares mencionado uniranse outros 1.400 antes de que comece o verán, tamén da man de Adamo.
Así llo comentou David Llano, responsábel da operadora en Galicia, ao rexedor do municipio, Julio Yebra-Pimentel, a quen explicou os pormenores da operación. O alcalde, amais de celebrar o acceso da fibra óptica en Carballedo, mantense a disposición dos técnicos de Adamo para calquera xestión que poida facilitar o seu labor e axudar, así, a expandir a infraestrutura. Á reunión, aberta ao público, tamén acudiron numerosos veciños e veciñas do concello.
Cómpre lembrar que Carballedo forma parte de todo un plan de subministro por parte da compañía, que abrangue máis de 70.000 vivendas cableadas en 35 concellos lucenses desde mediados de 2018. Para sufragar tales actuacións, Adamo investiu 20 millóns de euros e contratou a 300 traballadores locais en enxeñaría, despregadura, mantemento e comercialización. Malia estes enormes avances, o crecemento prosegue, xa que o operador resultou adxudicatario da última convocatoria de axudas estatais e comunitarias para a instalación desta infraestrutura no territorio. En virtude do orzamento público-privado resultante do Programa Único, de 17,5 millóns, Adamo levará Internet de alta velocidade a 33.000 fogares rurais de Lugo entre 2023 e 2024 para sumar máis de 100.000 inmóbeis conectados á súa rede de alta velocidade no conxunto da provincia.

PUBLICIDADE