A oitava fase do despregue de fibra na zona vella de Santiago obtén o informe favorábel

martes, 2 de marzo do 2021 S. P.

A concelleira Mercedes Rosón presidindo a comisión

A oitava fase do despregue de fibra óptica para permitir a Internet de alta velocidade na zona vella de Santiago recibiu este martes o empurrón definitivo. Foi da man da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, que informou de xeito favorábel sobre os traballos a desenvolver ao abeiro deste novo treito do camiño para dotar á Compostela máis histórica de servizos avanzados de Rede (coa conseguinte consecución dun modelo a seguir por outras zonas históricas da nosa terra). A oitava fase do proxecto abrangue unha contorna que sae da cidade amurallada (o que se coñece como améndoa compostelá) cara a zona do barrio de San Pedro. A iniciativa, como lembraremos, vén da man do Concello de Santiago e da axencia autonómica AMTEGA.
A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico foi presidida pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón.
A fase oitava do roxecto de infraestrutura de telecomunicacións para o fornecemento de Rede FTTH Orange/Jazztel na cidade histórica de Santiago de Compostela conta cun orzamento de execución material de 22.885,81 euros. Nesta nova andaina actuarase, por primeira vez, fóra da cidade amurallada, coa extensión do servizo cara ao barrio de San Pedro a través de Porta do Camiño e da praza 8 de Marzo.
Esta parte do proxecto contempla o despregamento da fibra óptica no seguinte ámbito:
· Quinteiro da rúa de San Pedro, praza 8 de Marzo, rúa do Medio e travesía de San Pedro.
· Praza de San Pedro.
· Ruela das Fontiñas.
· Rúa de Aller Ulloa (núm. 1, 3, 5, 7 e 9).
· Praza do Matadoiro (Núm. 1, 2 e 3).
· Avda. de Raxoi e Pazo de Fonseca.
· Costa e Campiño de San Francisco.
· Rúa de San Francisco.
· Travesía das dúas Portas.
O obxectivo, segundo o proxecto presentado, é “dar cobertura total aos posíbeis usuarios existentes no ámbito, evitando así a necesidade de futuras ampliacións”. Para iso a empresa incorpora un novo deseño da rede de distribución co que se acadan melloras como a redución do número total de caixas, de cables e de fusións. A proposta achega similares condicións que as anteriores fases, entre as que destacan:
· As arquetas e canalizacións soterradas que requiran de escavación deberán ser obxecto do correspondente proxecto de intervención arqueolóxica. Estes traballos serán feitos polo Consorcio e contarán co informe favorábel da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.
· Os cables de acometida deberán acceder ás unidades inmobiliarias a través do portal e os elementos comúns interiores dos inmóbeis.
· As novas caixas ópticas terán un acabado en cor gris, para reducir o impacto visual.
· O trazado dos pasos de rede soterrados deseñarase sempre seguindo a aliñación das lousas de granito.
· As tapas das novas arquetas serán de lousa de granito, das mesmas características que o pavimento; e co grosor necesario para garantir o tráfico de vehículos pola súa superficie.
· A obra civil correspondente á execución de pasos soterrados da nova rede de distribución de fibra óptica deberá ser aproveitada para soterrar simultaneamente todos aqueles tendidos aéreos que poidan ser suprimidos. A propiedade das novas arquetas a executar na vía pública será do Concello.
· A nova rede debe ser compartida con empresas ou operadores de telefonía interesados en ofertar os seus servizos na cidade histórica, “xa que por razóns de protección do patrimonio cultural resultaría imposíbel autorizar unha rede independente por fachada para cada un dos operadores”, sinálase nas bases.

PUBLICIDADE