A Oficina de Turismo de Cambados avanza cara a unha atención dixitalizada

xoves, 1 de setembro do 2022 S. P.

A Oficina de Turismo de Cambados vaise sumar á revolución tecnolóxica dos servizos de atención a visitantes que propón a Deputación de Pontevedra a través do programa Tourist Inside. Así, instalará nas súas dependencias elementos dixitais que “mudarán o modo de entender a atención aos turistas”.
Así o fixeron saber a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, e o alcalde e Cambados, Samuel Lago, quen nunha visita á oficina anunciaron os cambios a aplicar a través de Tourist Inside, que conta con financiamento europeo xestionado polo Goberno do Estado.
As accións previstas son a instalación dunha pantalla dixital de 55 polgadas que ofrecerá información do destino Pontevedra Provincia ás persoas visitantes e no seu interior tamén albergará unha tableta na que se poderán realizar enquisas de satisfacción. A transformación da oficina de Cambados completarase coa incorporación de dous tótems interactivos (un situado no interior e outro no exterior da instalación) que ao igual que a pantalla dixital ofrecerán información de interese. As actuacións do Tourist Inside espallaranse igualmente polo municipio, no que se colocarán 10 beacons, é dicir, balizas electrónicas que transmitirán información de interese aos móbiles das e dos visitantes a través da tecnoloxía Bluetooth.
O proxecto Tourist Inside está a propagar esta transformación dixital pola rede Info Rías Baixas, á que está adherida a oficina cambadense.

PUBLICIDADE