A oficina de obxectos perdidos de Ourense, tamén na Rede

mércores, 27 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Quen extraviase algo de seu en Ourense vai ver reforzadas as súas oportunidades de atopalo grazas á Rede. Segundo informou a semana pasada o Concello, xa está accesíbel na web local (área de Seguridade Cidadá) un novo servizo que permite consultar online os obxectivos que son achados. A vertente dixital da Oficina de Obxectos Perdidos ten o obxectivo de mellorar aínda máis unha taxa que xa é de por si salientábel: a Policía Local estima en case un 80% a porcentaxe de bens extraviados que volven aos seus donos.
Asemade, con esta iniciativa quérese facilitar as procuras de cidadáns de visitantes, que contarán con información de utilidade sen ter que desprazarse en van até as dependencias da Policía Local na rúa Victoria Kent.
O servizo consiste nun páxina web que se vai ir actualizando de continuo, na que se ofrece unha listaxe do material atopado cunha descrición básica que serve como orientación, pero sen facilitar detalles. Os cidadáns tamén poden achegarse ás dependencias da Policía Local, entre as 9:00 e as 14:00 horas, preferentemente, para recoñecer aqueles obxectos que puideron perder.

PUBLICIDADE