A oficina Acelera PEME da Cámara atendeu a máis de oitocentas persoas en 2022

luns, 19 de decembro do 2022 S. P.

A Cámara da Coruña enfiou a recta final de ano facendo balance da actividade da súa Oficina Acelera PEME, co-impulsada pola entidade cameral e a entidade público-empresarial Red.es. Segundo fai saber no seu reconto, o servizo atendeu a máis de 800 persoas en 2022 a través da súa área de asesoramento e acompañamento para a posta en marcha de procesos dixitais e impartir obradoiros formativos online. Amais, no transcurso de 2022 realizáronse vinte e dúas xornadas formativas que contaron con máis de seiscentos participantes. Por outra banda, atendeu de forma individual máis de duascentas consultas.
Os principais asuntos consultados das empresas atendidas están relacionados con financiamento e axudas para a dixitalización, especialmente no que ten que ver coas tres convocatorias de axudas do Programa Kit Dixital (Red.es), no que a Oficina Acelera PEME colabora activamente a nivel de información e difusión. Estratexia de dixitalización, mercadotecnia dixital e redes sociais son outras das temáticas máis consultadas e para as que máis solicitan asesoramento os profesionais atendidos.
A Cámara axudou tamén ás empresas a atopar as liñas de financiamento máis axeitadas para acelerar a implementación do seu Plan de Dixitalización.
A Oficina atende, de forma gratuíta e personalizada, a pequenas e medianas empresas, micropemes, autónomos e emprendedores da área interesadas en comezar ou en avanzar nos seus procesos de dixitalización, pero tamén axuda a pemes fornecedoras de tecnoloxía a introducir os seus produtos e solucións no mercado. Deste xeito, calquera persoa autónoma ou pequena empresa pode recibir unha orientación personalizada de profesionais cualificados sobre as súas necesidades que lle permita incorporar novos servizos dixitais á súa carteira.
Trátase dun servizo gratuíto. Os interesados en ampliar información poden acudir á Oficina Acelera PEME, situada na sede da Cámara da Coruña. Tamén poden contactar a través do 981 216 072 ou ben escribindo a oap@camaracoruna.com.
Próximos Webinarios
• Xoves, 12 de xaneiro de 2023: Como crear unha mensaxe online atractiva para o teu cliente.
• Xoves, 26 de xaneiro de 2023: Como utilizar ben o email márketing, e estratexias para captación de correos electrónicos.

PUBLICIDADE