A oferta e a demanda tecnolóxica do noso país, ao descuberto en Vigo

mércores, 18 de maio do 2011 Raquel Noya

A Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia, en colaboración coa Plataforma Tecnolóxica Galega da Loxística (Loxisga) e o Club Financieiro de Vigo (CFV), están a organizar de maneira conxunta un singular encontro entre empresas e axentes de innovación do noso país, que se celebrará o vindeiro día 30 de xuño en Vigo e que se materializará na xornada Oferta e demanda.
Trátase dunha peculiar cita na que, entre outras cousas, se pretende que os entes participantes detecten oportunidades de colaboración e negocios baseados no desenvolvemento tecnolóxico e na innovación; e máis polo miúdo, en ordenar a oferta e a demanda existente, nun mesmo entorno competitivo.
Na súa presentación participou o director xeral de Innovación, Ricardo Capilla, que incidiu na relevancia de iniciativas como esta á hora de mellorar a competitividade das empresa galegas.
Pola súa parte, a presidenta de AJE, Patricia García, aclarou que a xornada “está deseñada para que as empresas expoñan as súas principais necesidades tecnolóxicas, e atopen alternativas coas que suplir as súas carencias”. Para isto, o vindeiro 30 de xuño, tamén se dará voz aos principais axentes de innovación (grupos de investigación e centros de desenvolvemento tecnolóxico), en palabras de García, “a fin de que poidan informar sobre as posibilidades de mellora que existen ou poidan desenvolverse para responder ás demandas empresariais”.
Segundo explicou a portavoz de AJE, a actividade vaise articular en tres bloques, dous dos cales (os que lle dan o nome á xornada) terán como obxectivo dar a coñecer o estado da oferta e a demanda tecnolóxica no noso país, e un terceiro, está deseñado para promover a innovación a través da cooperación tecnolóxica e a explotación dos resultados da investigación.
Desta maneira, o encontro abrirao o fundador de idealista.com, Jesús Encinar, a quen seguirán distintas empresas e organismos de investigación, que durante sete minutos falarán da súa experiencia en proxectos de I+D+i, e explicarán cales son as súas necesidades, problemáticas e estratexias actuais.
Para completar a xornada, no terceiro bloque levaranse a cabo entevistas bilaterais previamente concertadas entre empresas e axentes de innovación. Segundo informan dende a organización, a participación neste networking, estará supeditado á publicación de, a lo menos unha oferta ou unha demanda tecnolóxica por parte das persoas interesadas, “garantindo así que o encontro poida servir efectivamente para detectar oportunidades de colaboración e de negocio”.
As persoas interesadas en participar nesta xornada poden facelo de balde, previa inscrición, enviando o boletín cuberto cos seus datos á dirección jornadaodt@inxeniadt.com.

PUBLICIDADE