A obsolescencia programada e os hábitos TIC éticos, a debate o día 28 en Vigo

xoves, 17 de novembro do 2016 Fernando Sarasketa

Segundo unha boa parte dos usuarios críticos de tecnoloxía, unha porcentaxe importante dos aparellos electrónicos e informáticos do mercado actual teñen menores capacidades operativas ao longo do tempo cós aparellos equivalentes de hai décadas. Isto ten unha explicación e non é outra que a obsolescencia programada. Ou sexa, a funcionalidade máis ou menos explícita dun aparello para achegar unha vida útil premeditadamente curta, favorecendo deste xeito o seu máis ou menos inmediato recambio (en última instancia o exceso de consumo). Falar da existencia (ou non) desta funcionalidade, das súas implicacións e das posíbeis alternativas é un dos obxectivos da charla que organizan o vindeiro luns 28 en Vigo as organizacións Amigos da Terra e Enxeñaría Sen Fronteiras.
Será na Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións de Vigo e, ademais das devanditas, tentarase responder á seguinte pregunta: é realmente posíbel unha electrónica ética?
Na xornada, María Fernández, de Amigos da Terra, achegará aos presentes ao devandito concepto da obsolescencia programada, así como ás súas implicacións sociais e ambientais no uso dos recursos naturais tanto no norte como no sur. Asemade, amosaranse na sesión as ligazóns da obsolescencia coa redución, o reemprego e a reciclaxe de refugallos electrónicos e informáticos. Por outra banda, Daniel Vila, de Enxeñería sen Fronteiras, falará de como afecta este concepto aos aparellos eléctricos “e se realmente é posíbel falar de electrónica ética”.
Na mesma liña de subministrar alternativas reais e viábeis, Amigos da Terra presentará o proxecto Alargascencia, así como medidas sinxelas e prácticas que todos e todas podemos levar a cabo.
A cita será como dixemos o 28 de novembro ás 18.00 horas na sala de graos da Escola Superior de Enxeñaría en Telecomunicacións, no Campus de Vigo. As charla é de balde pero para poder asistir será necesario inscribirse no correo electrónico, voluntariado.galicia@amigosdat.

PUBLICIDADE