A novena edición da Ourense ICC Week celebrarase entre o 17 e o 23 de abril

martes, 27 de decembro do 2022 S. P.

A Semana das Industrias Culturais e Creativas, a Ourense ICC Week, celebrará a súa novena edición en abril de 2023, entre os dias 17 e 23. Farao cunha “ampla programación” que, en palabras da entidade organizadora, a Deputación, converterá de novo á capital e á provincia en punto de referencia dos movementos culturais máis vangardistas. E tamén das tecnoloxías creativas máis avanzadas.
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, anunciou as datas tras unha reunión no Pazo Provincial co coordinador técnico do evento, Juan Rivas, o vicepresidente segundo do Goberno provincial, César Fernández, e o asesor de Cultura, Aurelio Gómez Villar. Baltar dixo na xuntanza que a ICC Week 2023 reafirmará "o carácter creativo dun territorio onde a cultura se espalla polas máis diversas expresións artísticas, incluídas as novas tecnoloxías, o que nos converte en centro de atención e permite contar coa participación dos máis destacados especialistas en cada materia".
O presidente da Deputación avanzou tamén que a ICC Week 2023 reforzará a descentralización da súa programación, incluíndo diferentes puntos da provincia de Ourense dentro da “nosa decidida aposta polo territorio”. Amais, destacou o traballo da coordinación técnica e do departamento provincial de Cultura “para superar o listón da última edición da ICC Week, que superou todas as expectativas tras reunir a máis de 9.000 persoas nas distintas actividades programadas”.

PUBLICIDADE