A nova webserie de Porco Bravú inicia a súa xira tras o éxito no Carballo Interplay

mércores, 5 de abril do 2023 Marcus Fernández

Óscar Cruz e Jorge Boquete recollendo un dos galardóns da súa webserie no Carballo Interplay

O Carballo Interplay foi o escenario no que a webserie A arte de ser mal pai puido verse polo público por primeira vez e, segundo os seus creadores foi «chegar e encher», xa que horas máis tarde desta primeira proxección oficial a serie de Porco Bravú conseguiu o galardón de Mellor Serie V.O. Galego e o Premio do Público.
Estes recoñecementos para a webserie revalida o bo facer de Óscar Cruz e Jorge Boquete, que xa conseguiron 4 premios Mestre Mateo nesta categoría, e que desta volta conseguiron que esta comedia dramática fose producida por Miraveo co apoio de AGADIC.
A arte de ser mal pai conta a historia dun pai interpretado por Xosé M. Esperante que ten que despedirse da súa filla, Jacoba de Llano. A historia transcorre durante 3 días, nos que ofrécese unha mirada conmovedora sobre os desafíos da paternidade e a complexidade de ser adolescente neste mundo moderno. A serie tamén conta coa participación de Marita Martínez, Sabela Arán, Federico Pérez e María Costas, entre outros.
Dende Porco Bravú comentan que tras o éxito no Carballo Interplay a súa nova webserie vai iniciar o seu percorrido por distintos festivais e proxeccións, estando previsto xa que o vindeiro 21 de abril poida verse en Studio Follow (A Coruña) os tres capítulos da serie nun evento privado ao que poderá accederse con convite.

Vídeo co que Óscar Cruz e Jorge Boquete presentaban a súa webserie no Carballo Interplay

PUBLICIDADE