A nova sede da Deputación en Vigo será un foco de emprendemento e formación TIC

martes, 11 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

A igualdade, a formación, o emprendemento, a innovación e a formación tecnolóxica van ser os piares da nova sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, de cuxa posta en marcha falamos os días pasados dende Código Cero, poñendo o foco no protagonismo que terá nestas novas dependencias do núcleo antigo vigués a iniciativa de capacitación dixital SmartPEME. Estes e outros asuntos foron tratados onte pola presidenta da entidade provincial, Carmela Silva, durante un almorzo informativo no que debullou a programación da nova sede. “Será un centro aberto á cidadanía e un foco de dinamización cultural do casco vello”, dixo, ao tempo que lembrou que no edificio xa está a pleno rendemento o programa SmartPEME, achegando claves e recursos útiles para emprendedoras e emprendedores, profesionais autónomos e PEME en xeral.
A igualdade
A igualdade, un dos grandes obxectivos do goberno da Deputación, estenderase ao longo de todo o ano e moito máis na semana do 8 de marzo, ao abeiro do Día Internacional da Muller. Sen ir máis lonxe, este 11 de febreiro, Día da Muller e da Nena na Ciencia, vaise celebrar un encontro con mulleres do mundo da enxeñería, do Colexio Oficial de Enxeñería de Vigo, para mostrar as contribucións das mulleres da ciencia e afondar nas matriculacións de mulleres en carreiras STEM, "unha das grandes preocupacións da Deputación”, dixo Silva, que amosou a súa preocupación polo feito de que se estean a matricular menos mozas en eidos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) que hai dez anos.
Formación
A formación e o emprendemento serán outros eixos da programación da nova sede de Vigo da Deputación. Así, os días 13, 14, 17, 18, 19 e 20 de febreiro desenvolverase o proceso de selección ligado ao programa europeo Labora 2020. Trátase dun programa que ten por obxectivo impulsar 11 itinerarios personalizados para a mellora da formación e empregabilidade “e encamiñados a acadar un certificado de profesionalidade", asegurou a presidenta provincial. En total en Vigo foron 250 as persoas que presentaron a súa solicitude para participar en cursos centrados en hostalería, dinamización do tempo libre, socorrismo que comezarán a partir de marzo.
Tecnoloxías
A presidenta informou que está xa en pleno funcionamento na nova sede de Vigo o programa SmartPEME, que está a prestar asesoramento individualizado a persoas autónomas e emprendedoras, así como a impartir cursos de formación relacionados coas novas tecnoloxías. Ao respecto, Silva explicou que este martes 11 de febreiro, de 18 a 21 horas, terá lugar o curso de Woocommerce: a solución que buscabas para vender por internet; o xoves 13 de febreiro, de 19 a 21, Cámara réflex: aprende a utilizar o modo manual en fotografía; o 18 de febreiro, de 19 a 21 horas, Inbound Marketing; o xoves 20 de febreiro, de 19 a 21, Aprende a elixir as palabras clave para a túa estratexia SEO e SEM e o 27 de febreiro, de 17 a 19, TripAdvisor. A plataforma perfecta para a túa empresa turística.

PUBLICIDADE