A nova plataforma de servizos de HP achega a Rede 2.0 ás operadoras

venres, 18 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

HP vén de anunciar o lanzamento dun software encamiñado a mellorar o servizo das operadoras de telecomunicacións achegándolles a posibilidade de tirar proveito do talento de milleiros de desenvolvedores de aplicacións Web 2.0. A plataforma posta en xogo por Hewlett-Packard, que beneficiaría aos provedores de servizos ao acadar “un medre nos seus ingresos polas achegas sen fíos”, coñécese dende hai un tempo co nome de HP Service Delivery Platform (HP SDP). A diferenza radica nos esforzos aplicados para a súa nova versión, a 3.0. Entre outras vantaxes, incluiría agora un contorno de probas de servizos de software virtual no que os programadores poderán crear novas aplicacións para a Web, widgets e mush-ups na rede sen fíos dos ditos provedores.
Ao atraer aos desenvolvedores de software independentes”, sinala HP nunha nota de prensa, e facerlles máis doadas as ferramentas para crear aplicativos innovadores, os provedores de servizos poderán complementar as súas redes sen fíos coas solucións personalizadas que os seus clientes desexen”. A idea de HP, como se pode supoñer, é buscar maneiras de explotar en beneficio de todos o gran potencial da Web 2.0: tanto para subministradores de contidos como para deseñadores como para operadores de rede. “Por iso”, engade a empresa, “o SDP 3.0 agora inclúe recursos específicos para facerse cargo de microtransaccións, xestionar os fluxos de beneficios e axudar aos provedores de servizos a crear un modelo de negocio de dúas faces que teña éxito”.

PUBLICIDADE