A nova gran aposta de Portocabo e Clan, Los argonautas, comeza a rodarse en Laxe

xoves, 7 de xullo do 2022 S. P.

O equipo da serie Los Argonautas recalou este 7 de xullo na vila de Laxe para iniciar a rodaxe desta ficción de Portocabo e Radio Televisión Española (RTVE) dirixida a nenos e nenas de entre oito e 12 anos que se emitirá na plataforma Clan. Trátase da primeira produción de imaxe real para esta canle temática destinada ao público infantil, que conta co co-financiamento de 350.000 euros da Xunta de Galicia, a través da primeira convocatoria do fondo de atracción de rodaxes do Hub Audiovisual da Industria Cultural.
Na rolda de prensa que coincidiu co inicio da gravación participaron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, o alcalde de Laxe, José Luis Pérez Añón; o produtor da serie e director executivo de Portocabo, Alfonso Blanco; o director de Área de Contidos da CRTVG, Fernando Ojea, e mais o director de Contidos Infantís de RTVE, Yago Fandiño.
A serie Los Argonautas está co-dirixida polos realizadores galegos Toño López e Lucía Estévez e conta cun elenco que combina a experiencia de actores e actrices veteranos, como son Federico Pérez e Eva Fernández, co pulo dos novos intérpretes Aliyah Fidalgo, Sarela Montes, Brais Sixto, Claudia Pujaldes, Juan Rodríguez, Lúa Varela e Xoel Río.
A trama xira ao redor dun grupo de cinco amigos que vivirá un verán diferente ao verse envoltos nunha grande aventura. Enfrontándose a distintos perigos, descubrirán o valor da amizade, a superación de barreiras, o encaixe das diferenzas, a integración ou a cooperación como clave para o éxito común.
A produción de Portocabo entronca coa tradición de grandes clásicos literarios (coma Os cinco) ou do cinema (Os Goonies). Los Argonautas, que toma o seu nome do grupo de heroes encabezados polo lendario Xasón da mitoloxía grega, rodarase na Coruña e en diferentes localizacións da Costa da Morte, polo que, segundo salientou Sutil, “os seus 20 episodios funcionarán tamén como un auténtico catálogo de promoción cultural cun relevante potencial turístico”.

PUBLICIDADE