A nova edición do Laboratorio Audiovisual de Vedra, máis tecnolóxica e innovadora ca nunca

martes, 13 de xaneiro do 2015 Redacción

A nova edición dos cursos do Laboratorio Audiovisual de Vedra xa esta marcha, emprestando máis atención ca nunca á formación en multimedia e novas tecnoloxías, tal e como fan saber os impulsores desta iniciativa formativa independente e innovadora, os membros de Senunpenso.org. Para facernos unha idea do que lles agarda aos nosos profesionais do audiovisual (ou futuros profesionais) que deciden sumarse ás actividades, dicirlles que haberá cursos de Arduino, de colorimetría e doutras materias relacionadas coas TIC aplicadas á creación. Asemade, achegaranse contidos prácticos sobre vídeo con Réflex, maquillaxe FX, interpretación e deseño efémero. A inscrición no LAV ficará aberta até o 1 de febreiro, debendo formalizarse a matrícula vía en liña, a través da web da asociación organizador, www.senunpeso.org.
A edición 2015 do Laboratorio, a oitava convocatoria xa, foi lanzada co “obxectivo de volver ofrecer a afeccionados e profesionais a posibilidade de mellorar os seus coñecementos en diferentes aspectos relacionados co audiovisual e as novas tecnoloxías”. Así na fin de semana que vai do 7 ao 8 de febreiro, ofrecerase un total de once cursos avanzados. Deles, sete aínda teñen prazas dispoñíbeis: Arduino, colorimetría, vídeo con Réflex, DIT, maquillaxe FX, interpretación e deseño efémero. “A través de cursos con contido teórico e práctico”, sinalan os organizadores, “búscase que os participantes gañen autonomía creativa e expresiva”. A continuación, damos conta da relación íntegra de cursos do LAV 2015:
· Arduino, con Guillermo Cordeiro. Taller teórico-práctico para iniciarse no manexo das placas Arduino compatíbeis. A finalidade é crear unha estrutura de lámpadas LED (cubos cun Arduino e uns LED no seu interior), de tal xeito que os cubos cambien o seu estado (acendido/apagado) se nos achegamos ou se o prememos. Ademais, a segunda parte do obradoiro servirá para comunicar os diferentes Arduinos entre eles, de forma que poidan ser accionados a distancia ou amosar o seu estado nunha páxina web.
· Colorimetría, con José Pereira. Un curso dirixido aos profesionais e entusiastas do deseño gráfico ou fotografía dixital que queiran acadar uns bos resultados na reprodución dixital da cor. Abordarase a teoría de como funciona a xestión da cor do International Color Consortitum e como preparar o noso espazo de traballo para cumprir unhas condicións de visualización normalizadas. Explicaranse os estándares máis comúns de impresión profesional e faranse prácticas con monitores, escáner, impresora, espectrofotómetro e todo o que se preste para acadar unha reprodución da cor profesional.
·DIT: o laboratorio dixital no set, con Fernando Alfonsín. Este curso describe as funcións de DIT-Data Wrangler e as nocións básicas da corrección de cor con DaVinci Resolve. Conta cun Laboratorio Dixital Portátil utilizado en producións cinematográficas con software e hardware específico.
·Interpretación, con Flor Maceiras. Actriz e directora da Escola de Teatro de Narón, Flor Maceiras conta cunha ampla experiencia como docente en formación actoral. O seu traballo céntrase en procurar que @s intérpretes identifiquen e poñan a punto os seus recursos persoais para a interpretación.
· Deseño efémero, con Marcelino de la Fuente e Toni Cobertera. Este curso repasa o proceso de deseño e creación dos diferentes tipos de instalacións efémeras. Baseándose na súa experiencia en deseño e comunicación intelixente, os docentes percorrerán os pasos que requiren estes proxectos, os elementos, materiais e persoal que os integran e as claves necesarias para o seu desenvolvemento.
· Maquillaxe FX, con Alberto Hortas. Matrícula: 70 €. Os alumnos (escultores, artistas, maquilladores, escenógrafos) aprenderán a deseñar unha dentadura dun personaxe para modelalo en plastilina, desenvolvendo técnicas en modelado, con moldes de silicona e escaiola exadura. Cada dentadura será producida en resina acrílica. Ademais poderán saber técnicas para pintar ese material con pinturas cuns acabados verosímiles. Alberto Hortas é un artista de efectos especiais de maquillaxe, que traballou en filmes como El espinazo del diablo, El laberinto del Fauno, Eva, Los Lobos de Arga, Agallas e Crebinsky.
· Vídeo con cámara Réflex, con Gutier Rolán [últimas prazas]. Curso básico sobre o manexo dunha cámara de vídeo e os principios da linguaxe audiovisual para planificar a realización e montaxe de vídeos. Aprenderanse as regras básicas da gravación, pensando en obter o mellor material para a sala de montaxe. Do curso encárgase Gutier Rolán, con experiencia en publicidade, longametraxes, curtametraxes, videoclips e documentais. Adícase tamén á fotografía.
· O ritmo do relato ( teoría e práctica da montaxe), con Jorge Coira [prazas esgotadas]. Imparte Jorge Coira, director das longametraxes 18 comidas e O ano da carracha e de curtas e series de televisión, ademais de montador de producións propias e doutros directores.
· Dirección de actores e actrices, con Alfonso Zarauza [prazas esgotadas]. O director de A noite que deixou de chover e Os fenómenos imparte este obradoiro integrado por directores e actores e actrices. Primeiro abordarase o traballo actoral e o traballo do director de actores e a súas relacións, conflitos e características en xeral. Falarase tamén sobre como traballar coa fisicidade, da parte máis técnica do traballo e da máis emocional, do texto e o subtexto, o deseño da posta en escena e as diferentes posibilidades de improvisación.
· Dobraxe, con Xoán Diéguez [prazas esgotadas]. Obradoiro que trata todos os aspectos da dobraxe: aspectos básicos, o proceso de produción, a sala de dobraxe, as tomas (ver e oír, recordar e fixar, reproducir), e aspectos fisiolóxicos da voz e do sistema respiratorio. Imparte Xoán Diéguez, actor e director de dobraxe dende o ano 1985.
· Videocreación con móbiles (para alumnado da ESO), con Illa Bufarda. Gratuíto. [prazas esgotadas]. Centrarase no aproveitamento dos recursos e creatividade co móbil. Os participantes aprenderán a contar o que queren a través da linguaxe audiovisual “sen máis ferramentas que as súas cabezas, un móbil e un ordenador cun programa de edición”. Imparte a produtora creativa Illa Bufarda. As súas integrantes, Sabela Iglesias e Adriana P.Villanueva, levan xa tres anos de travesía e na viaxe impartiron obradoiros de videocreación, animación stop-motion, fotografía... e coas temáticas: igualdade de xénero, diversidade, tradición oral... para lograr descodificar e crear novas mensaxes.
Todos os cursos teñen unha duración de 14 horas repartidas entre o sábado 7 e o domingo 8 de febreiro. Hai 15 prazas dispoñíbeis en cada actividade, cun prezo de 50 € para cada participante, coa excepción do curso de maquillaxe FX, cun custe de 70 € que inclúe os materiais que empregará cada participante.
Segundo informan os membros de Senupenso.org, con esta nova edición quérese amosar que o LAV segue a ser “un referente na formación audiovisual non regrada en Galicia. O obxectivo, un ano máis, é fomentar a creatividade entre afeccionados e profesionais e promover o uso social das ferramentas audiovisuais”. Polo LAV pasaron desde 2008 máis de 1.200 seareiros e profesionais, engaden dende o colectivo organizador, unha plataforma que entende o audiovisual “como un traballo ou unha afección colaborativa, onde todas as partes son importantes.” E engaden: “Aproveitando e compartindo os coñecementos, a creatividade e os materiais pódense facer grandes creacións sen necesidade de contar con grandes orzamentos”.

PUBLICIDADE