A nova convocatoria dos cursos CELGA volve combinar a formación presencial e en liña

luns, 14 de febreiro do 2022 S. P.

A Xunta, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística que dirixe Valentín García, vén de lanzar a convocatoria para participar nos cursos gratuítos preparatorios das probas CELGA de formación en lingua galega para os catro niveis establecidos e que, segundo informou o dito departamento autonómico, volve combinar a preparación presencial e en liña. Faino “co obxectivo de facilitar o acceso ao coñecemento do galego a todas aquelas persoas interesadas”.
Tal e como publican este 14 de febreiro o Diario Oficial de Galicia e o Portal da Lingua, o prazo de presentación de solicitudes abrangue desde este 15 de febreiro ata o 7 de marzo e, a diferenza dos anos anteriores, estas deben presentarse a través da plataforma de formación da Secretaría Xeral de Política Lingüística (e non na sede electrónica da Xunta de Galicia).
Deste xeito, as persoas interesadas só teñen que acceder a esta ligazón, seleccionar o curso que desexen e cubrir a solicitude de inscrición.
Ofértanse un total 35 cursos, 27 deles en liña (que cobren os catro niveis) e oito presenciais (para os niveis 2, 3 e 4) repartidos entre as catro provincias. Todos os cursos serán impartidos entre o 21 de marzo e o 12 de maio, mentres que as probas para obter as titulacións Celga serán realizadas entre os meses de maio e xuño. Toda a información sobre horarios e localizacións dos cursos pode consultarse no Portal da Lingua Galega.
Novidades
Ademais do novo proceso de presentación de solicitudes, a convocatoria deste ano inclúe outras novidades destacábeis, segundo informou Política Lingüística, que explica que a primeira destas novidades é a selección dos participantes para os cursos, que, no caso de superar as prazas previstas para cada un deles, “realizarase por sorteo e non por orde de entrada da solicitude”. O dito sorteo terá lugar nun acto público o 14 de marzo ás 12,00 horas no salón de actos do Pazo de San Roque, sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A continuación, a Xunta publicará no Portal da Lingua Galega a listaxe do alumnado seleccionado para participar en cada curso, así como a listaxe de agarda correspondente.
A outra novidade incluída nesta convocatoria é a repartición dos cursos só por niveis, mentres que ata o de agora se facía por ámbitos xeográficos.

PUBLICIDADE