A nova convocatoria de axudas para acceder á banda larga vía satélite entra na recta final

xoves, 5 de setembro do 2013 Redacción

O 30 de setembro remata o prazo para solicitar a axuda de 150 euros que ofrece o Goberno galego, a través de AMTEGA, para termos acceso á banda larga vía satélite dende as zonas máis afastadas da nosa xeografía a onde non poden chegar con viabilidade outras tecnoloxías. Segundo nos lembra Quantis, unha das firmas ás que se lles encargou este despregue de infraestrutura nos fogares e empresas do rural ou de alta montaña, a Xunta asinou un convenio o 17 de xullo con catro operadores especializados en fornecer Internet vía satélite (Quantis é un deles). O acordo establece unha subvención de até 150 euros para o equipo que se instale no fogar, cun servizo de 20 Mbps e un período de permanencia de doce meses.
“A tecnoloxía satélite de Quantis”, informa a empresa, “pode dotar de cobertura de banda larga aos mais de 5.400 fogares e PEME que, segundo a Xunta, non teñen Internet”. Isto, engade, permitiríalles realizar xestións administrativas e empresariais ademais de acceder a contidos de lecer, televisión e radio, “e todo iso a unha velocidade de até 20 Mbps”. O obxectivo da iniciativa de AMTEGA, recorda a firma, é que fogares e empresas emprazados en zonas illadas, dispersas ou de orografía complicada poidan acceder a Internet nas mesmas condicións có resto de galegos. Para o director xeral de Quantis, Aquilino Antuña, "estas axudas buscan a equiparación da calidade de vida entre a contorna rural e a urbana, igualando as oportunidades entre habitantes e contribuíndo a mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas situadas en zonas orograficamente difíciles, illadas ou dispersas".
Particulares e empresarios interesados poden solicitar o servizo subvencionado no teléfono 900.102.504 ó a través da páxina web bandalarga.es.

PUBLICIDADE