A nova aceleradora autonómica de artes escénicas impulsa nove proxectos de transformación dixital

venres, 27 de outubro do 2023 S. P.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, mantivo unha xuntanza coas nove entidades beneficiarias da nova convocatoria de axudas para a aceleración cultural no ámbito das artes escénicas, encamiñadas a mellorar a súa xestión en apartados como o da dixitalización, a internacionalización, a profesionalización empresarial ou a diversificación financeira, entre outras.
Polo tanto, o fío condutor da xuntanza foron as subvencións (PDF) que vén de facer públicas a Consellería de Cultura e Educación a través das que distribúe máis de 280.000 euros entre diferentes propostas no ámbito do teatro, a danza, o novo circo e a maxia.
En concreto, estas entidades contarán con contías que van desde os 10.600 aos 42.000 euros para o seu investimento en catro apartados diferenciados: acompañamento ás empresas, formación, mediación, incubación ou mentoring en materia de comunicación, mercadotecnia, internacionalización ou financiamento; participación en xornadas, obradoiros e seminarios; apertura de novas liñas de negocio e/ou novos mercados, e transformación dixital.
Entre os proxectos beneficiarios atópanse os presentados polos espazos A Casa Vella, en Allariz, que buscará ampliar os seus usos ademais de traballar na apertura e consolidación de diferentes vías de financiamento, e Sala Ártika de Vigo, para poñer en marcha novas ferramentas de mercadotecnia dixital e captación de públicos.
Tamén se apoian iniciativas das produtoras teatrais Ainé, para o desenvolvemento dun software de xestión integral das súas producións propias; Sarabela Teatro, para a creación de contidos dixitais complementarios aos espectáculos, e a nova compañía O Sol de Outono, para a mellora da dixitalización e a apertura de novos mercados e liñas de negocio.
A danza conta tamén con representación nesta aceleradora a través de Kirenia Danza, que presenta un plan estratéxico cara á súa transformación empresarial, a internacionalización a diferentes países de Europa e Latinoamérica ou a súa formación especializada, e de Sabela Mendoza, coordinadora da plataforma de danza performativa De Corpos Presentes, para a súa apertura a diferentes países de Europa e Asia, así como para a transformación dixital e mellora da xestión empresarial.
Pistacatro, recente Premio da Cultura Galega en artes escénicas, tamén forma parte desta listaxe cun programa de apoio á profesionalización do sector circense, mentres que Ilusions Work resultou adxudicataria co proxecto Magic Reality Lab, centrado na aplicación das novas tecnoloxías nos espectáculos de maxia.
A Axencia Galega das Industrias Culturais xestiona este novo programa con financiamento dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. Entronca, neste sentido, coa aceleradora musical Sonemerxente, que a Xunta está a desenvolver coa Fundación Paideia como entidade colaboradora e que se atopa a piques de iniciar a súa segunda edición.

PUBLICIDADE