A nova Xornada de Informática Xudicial volverá contar con relatores de primeiro nivel no ámbito das TIC e a seguridade

mércores, 21 de setembro do 2016 Redacción

Este setembro é un mes cheo de interesantes encontros e actividades tecnolóxicas galegas con potencial para anticiparnos ao futuro da Sociedade da Información. Entre os eventos máis salientábeis sen dúbida figura a sexta edición da Xornada de Informática Xudicial, que se celebra o 28 de setembro en Santiago (na sede de AFundación, de Abanca, no 19 da rúa do Vilar) da man do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) e da axencia AMTEGA coa dirección técnica de Víctor Salgado (avogado TIC). Pola actividade pasarán, achegando claves para acadarmos entre todos unha contorna dixital máis segura e fiábel, algúns dos meirandes expertos estatais na materia.
Contarase coa presenza, como relatores, de David Barroso (fundador de CounterCraft, startup española que está a revolucionar o panorama da ciberseguridade, aplicando técnicas de contraespionaxe), Samuel Parra (avogado TIC e autor dun dos blogs máis referenciais no ámbito da protección de datos), Francisco García Morán (conselleiro xefe TIC da Comisión Europea, que explicará as políticas comunitarias a prol dunha maior ciberseguridade), Iñaki Vicuña (director do Centro de Documentación Xudicial, que exporá a achega das TIC á Administración de Xustiza) e Eloy Velasco (maxistrado da Audiencia Nacional, que falará sobre os medios de proba dixitais).
Segundo informa o CPETIG acerca dunha das temáticas principais da xornada (o ámbito da ciberseguridade), en 2015 coñecéronse en Galicia 4.065 casos enmarcados na categoría de cibercriminalidade. Se queremos achegar máis cifras sobre os ciberdelitos galegos, o panorama ficaría así: a provincia da Coruña, con 2.069, e a de Pontevedra, con 1.032, están entre as máis afectadas do conxunto de España, que suma un total de 60.154 casos, segundo o Informe anual do Ministerio do Interior. O abano de ataques e ameazas é do máis variado (fraudes informáticos, roubos de información, espionaxe industrial, ameazas, coaccións, malware) e atopar fórmulas conxuntas de colaborativas para afrontalos será un dos eixes do encontro organizado polo CPETIG.
Esta VI edición da Xornada de Informática Xudicial desenvólvese baixo o epígrafe Privacidade, e-Xustiza e Seguridade en infraestruturas críticas e encamíñase a achegar un espazo de información e debate para xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais, fiscais, avogados e xuristas en xeral. A súa finalidade é contribuír a dotar de maior seguridade xurídica á nova realidade tecnolóxica e mellorar a efectividade e a eficiencia da administración xudicial, mediante o uso das novas ferramentas electrónicas e forenses avanzadas.
A sesión comezará cun primeiro relatorio de Samuel Parra, logo seguiralle Francisco García Morán para dar paso a Iñaki Vicuña. O programa matinal da xornada completarase cunha mesa redonda sobre privacidade, seguridade e xustiza, que será moderada por Víctor Salgado.
Xa polo serán intervirá David Barroso, que ten entre os seus clientes a empresas e gobernos de todo o mundo aos que asesora para definir e desenvolver campañas de contraintelixencia dixital. Entre outras, protexe os datos informáticos de empresas do IBEX.
E pechar a xornada Eloy Velasco intervirá como relator-moderador dunha mesa redonda sobre os medios de proba dixitais.

PUBLICIDADE