A nova Xornada de Informática Xudicial do CPETIG porá o foco no blockchain e as criptomoedas

martes, 2 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, o CPETIG, vainos levar os días vindeiros ao miolo do debate arredor da protección en liña e as cousas máis eficaces, eficientes e útiles que podemos facer para salvagardar un dos nosos ben máis prezados, senón o que máis: a información. Estamos a falar de #IURISTICGAL18, a oitava Xornada de Informática Xudicial que organiza o CPETIG coa colaboración da AMTEGA, este ano co título Privacidade, blockchain e ciberseguridade. Toda a información e formalización de inscricións está dispoñíbel xa na web das xornada, http://iuristicgal.cpetig.gal, onde xa podemos confirmar a nosa participación.
O congreso, que se celebrará o 10 de outubro na Cidade da Cultura, ten por obxecto “profundar na nova realidade tecnolóxica derivada do blockchain e nos conceptos de privacidade e ciberseguridade, analizando as súas implicacións xurídicas”.
Para quen non o saiba, o blockchain é unha tecnoloxía que, entre outras cousas, salienta por posibilitar a transferencia de datos dunha maneira cen por cen segura grazas a unha codificación avanzada que ceiba o camiño de intermediarios que comproben a información. Segundo avanza nun plano máis concreto o CPETIG, falar de blockchain é falar da tecnoloxía de cifrado de datos que está detrás da moeda virtual bitcoin. Porén, engade o colexio, as súas posibilidades van máis aló, e tamén serve para crear outras criptomoedas que se baseen nos mesmos principios, pero que teñan outras propiedades (política, algoritmo, etc.).
A edición deste ano da Xornada de Informática Xudicial abordará, entre outros temas de actualidade, as consecuencias da irrupción das criptomoedas, con centos de moedas virtuais no mercado baseadas nesta tecnoloxía que mobilizan millóns de euros acotío, “no que representa”, en palabras do CPETIG, “unha das maiores revolucións tecnolóxicas recentes”. Para a entidade profesional que preside Marcos Mata, unha das cuestións máis innovadoras deste diñeiro virtual radica na súa tecnoloxía base, a rede blockchain, que permite dotar da máxima seguridade a contornos públicos e descentralizados.
Para presentar unha visión integral do entorno, #IURISTICGAL18 reunirá un panel de expertos nas distintas materias. Santiago Márquez Solís, CTO en Clluc e autor do libro Bitcoin: guía completa de la moneda del futuro, ofrecerá o relatorio Blockchain e a lei. Pola súa banda, Luis de Salvador Carrasco, subdirector xeral adxunto da Inspección de Datos da AEPD, falará de Privacidade e dereitos fundamentais na Sociedade da Información, e Silvia Barrera, inspectora da UIT da Policía Nacional, intervirá sobre Investigación de ciberdelitos nun mundo dixital, completándose o panel de relatores con Eloy Velasco, maxistrado da Audiencia Nacional, e a súa intervención Efectividade na persecución dixital de delitos e a súa validez probatoria. É suficiente? Como podemos mellorar?
A xornada rematará coa mesa redonda Quo vadis seguridade TIC-xurídica?, moderada por Víctor Salgado, avogado TIC e director técnico de IURISTICGAL18. Finalmente, unha comida networking, á que asistirán os relatores e o público participante, porá o remate á xornada.

PUBLICIDADE