A nova Lei Xeral da Comunicación Audiovisual analizada en Compostela

mércores, 30 de xuño do 2010 Marcus Fernández

Alfonso Cabaleiro e Ramón Domínguez durante a inauguración da xornada

O Hotel Araguaney de Santiago de Compostela acolleu onte una xornada sobre a Lei Xeral da Comunicación Audivisual organizada pola Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual (AEGA), inaugurada polo secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, Alfonso Cabaleiro Durán, e o presidente de AEGA, Ramón Domínguez Rego. Cabaleiro amosou o seu apoio aos representantes do sector, aos que asegurou que «non faltará a axuda da Xunta pero de vos depende máis que nunca que o sector saia adiante, do voso espírito de superación», mentres que Domínguez destacou a problemática da fragmentación de audiencias provocada pola multiplicación de canles «o que nos obriga a todos a buscar novas vías de financiamento e ingresos, xa que os ingresos pola publicidade tradicional quedan un pouco obsoletos».
A nova Lei supón a reforma da regulación do sector audiovisual, que cada día cobra máis importancia na sociedade, e que nos últimos anos está moi presente coa chegada da Televisión Dixital Terrestre, a alta definición ou a televisión a través de novos soportes coma os equipamentos informáticos ou os móbiles.
O interese polo novo texto levou a máis dun cento de expertos a asistir ao encontro, en boa medida porque a Lei Xeral non parece satisfacer plenamente a ninguén tras 2 meses en vigor, chegando a ser considerado coma un «documento improvisado» por Pedro Pérez, de FAPAE, mentres que Alfonso Sánchez Izquierdo, da CRTVG, asegurou que a Lei «nace obsoleta», sen visión uniforme do Estado e cun marco pensado para grandes canles cun grande orzamento, deixando na indefensión aos anunciantes e deixando na incerteza ao resto de canles.

PUBLICIDADE