A nosa nova xeración audiovisual alenta o pulo creativo do alumnado da Fundación TIC

mércores, 21 de marzo do 2018 Redacción

A Fundación TIC da Deputación de Lugo está a participar nos Encontros Mestre Mateo, dirixidos a emprazar nun mesmo escenario aos nosos escolares, por unha banda, coas novas xeracións de creadoras/es do noso audiovisual, pola outra. O obxectivo último: alentar o talento que a nosa mocidade leva dentro. Por exemplo a mocidade que se está a formar ao abeiro da Fundación TIC da Deputación, que mantivo hoxe unha xuntanza cos directores Andrés Goteira, Anxos Fazáns e Simón Casal dentro dos ditos encontros que organiza a Academia Galega do Audiovisual.
O deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, salientou “a importancia que ten que o noso alumnado coñeza de primeira man a experiencia destes cineastas, que son un exemplo de que con talento, traballo e teimosía, pódese chegar moi lonxe, con independencia da idade, do xénero e do lugar de procedencia”.
O encontro, que estivo aberto ao público, celebrouse no salón de actos da Deputación.
Vidal Baamonde destacou especialmente o éxito de Andrés Goteira “un rapaz que, xunto con tres amigos de Meira, conseguiu un fito histórico no cinema galego: 13 Premios Mestre Mateo pola súa opera prima Dhogs”. O responsábel provincial dixo tamén que “dende a Deputación e a Fundación TIC sentímonos moi satisfeitos por apoiar a uns mozos de Meira que crían firmemente no seu proxecto e que son a proba de que os soños poden facerse realidade. Iniciativas así son as que fan a marca Lugo”, apuntou o Presidente da TIC.
O Deputado Provincial resaltou, ademais, que “os tres directores que nos acompañan son moi novos. Para Andrés e Anxos esta foi a súa primeira longa, pero Simón xa acadou un gran éxito con Lobos Sucios, unha película na que participaron alumnos da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC”. Tamén fixo saber que Anxos, a máis nova dos tres, “é todo un exemplo para as nosas alumnas, e a demostración de que imos polo bo camiño na igualdade de xéneros nun eido, o da dirección cinematográfica, dominado, ata o de agora, polos homes”.

PUBLICIDADE