A nosa industria cultural e tecnolóxica loce talento nas Xornadas de Videoxogo de Literatura

venres, 3 de setembro do 2021 S. P.

Unha das actividades da primeira xornada nunha imaxe do xornal Atlantico.net

Este xoves 2 de setembro abriu as súas portas, no Marco de Vigo, a nova edición das Xornadas de Videoxogo e Literatura, organizadas novamente pola Fundación Carlos Casares. A apertura de actividades contou coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que salientou “o potencial dos videoxogos en Galicia” e as súas grandes oportunidades de crecemento e integración na cadea cultural.
En streaming
As xornadas son unha cita para tomarlle o pulso á interesante (cada vez máis) interacción entre creación literaria e lecer dixital, un punto de confluencia creativa que pode achegar unha importante materia prima para o sector galego dos videoxogos e, tamén, o editorial. As xornadas achéganse en streaming dende a web de seu. O programa inclúe relatorios, presentacións, mesas de debate e obradoiros sobre dereitos de autor, ferramentas docentes e de guión e narrativa de videoxogos.
Unha manchea de posibilidades
O secretario xeral de Cultura explicou que os videoxogos abren unha ampla vía de posibilidades para que outros creadores, por exemplo literarios, presenten as súas historias, ao igual que os propios videoxogos beben da narrativa tradicional. Así mesmo, sinalou que “encontros como o inaugurado hoxe serven para ir máis aló e tecer redes de colaboración con outras disciplinas, como a música ou o cinema”.
Axenda completa
A axenda comezou este 2 de setembro ás 16 horas coa inauguración a cargo da Fundación Carlos Casares. Despois foi a quenda dos relatorios Os comezos do audiovisual interactivo en España, a cargo de Víctor Freixanes e Gilberto Sánchez, e Os esports en Galicia e en España, con Hugo Botana, Sandra Cabeza “Leviathan”, Diego Vidal e Hugo Santomé “Curruncho”. Ás 18.30 horas presentouse a exposición A literatura entra en xogo e do proxecto Música e videoxogos, na Fundación Museo do Videoxogo de Galicia.
A xornada deste venres 3 de setembro arrincará co relatorio El cuento de sirena: Unha visión (pre) videolúdica de Gonzalo Torrente Ballester, por Antonio Gil, e proseguirá cunha aproximación a Bitsy e Twine da man de Miguel Valverde.
Logo, Ramón Méndez, Alba Calvo e Anxo Suárez achegaranse á Tradución e localización de videoxogos e Roberto Janeiro abordará a cuestión dos Dereitos de autor nos videoxogos e nas adaptacións literarias.
Ás 18 horas está prevista a mesa redonda O galego nas redes sociais, na que estarán presentes ago Gordillo, Mario García e Esther Estévez. Logo será a quenda de Josué Monchán con Guión e deseño narrativo nos videoxogos”
O sábado desenvolverase o obradoiro Cóntame un conto, que imparte Ramón Besonías. Ás 11.00 horas presentarase a novela interactiva Ti primeiro, da man de Roberto Alvite e Luz Castro. As xornadas rematarán con Ti participas, mesa moderada por Carlos Pereiro.
Exposición
Como dixemos máis arriba, a terceira edición destas xornadas inclúen tamén, en colaboración coa Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, a celebración da exposición A literatura entra en xogo. Composta por 15 pezas, a mostra aborda a transmedialidade existente entre diferentes eidos culturais, as diferentes formas nas que se presenta unha mesma narración, facendo uso das novas tecnoloxías e dos soportes que permiten ao usuario interactuar coa historia, figuras coas que os visitantes poderán xogar e experimentar.

PUBLICIDADE