A música independente achégase ó iPhone

luns, 19 de novembro do 2007 Marcus Fernández

Os músicos independentes teñen na Internet unha plataforma para poder chegar ó seu público sen ter que pasar polo aro das grandes discográficas, para o que recorren a servizos coma OurStage, que dende marzo permite ós usuarios da súa web a puntuación e compra de cancións de artistas independentes, de xeito que estes últimos se someten ó xuízo da audiencia a través da Internet.
O servizo xera listaxes coas cancións máis valoradas por categorías, o que lles supón unha interesante promoción á que se engaden 2 premios de 5.000 dólares ós artistas máis valorados cada mes.
A tenda vende os temas en MP3 (sen DRM) por 0,99 dólares cada un, recibindo os autores o 100% dos beneficios, aínda que a partires de 2008 OurStage levará o 30% dos ingresos.
Para mellorar a difusión de toda esta música, dende OurStage veñen de estrear unha versión para o iPhone e o iPod Touch, de xeito que os usuarios destes dispositivos acceden a unha interface adaptada ós seus navegadores web para poder explorar as listaxes musicais por categorías e escoitar eses temas mediante streaming (xa que estres trebellos non deixan gardar os contidos descargados para a súa reprodución). Aproveitan así o deseño natural dun reprodutores multimedia para levar música que non se podería coñecer polas canles tradicionais.

PUBLICIDADE