A muller e a súa relación coas novas tecnoloxías, a debate en Pontevedra

xoves, 16 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

Avaliar polo miúdo a relación actual entre as mulleres e as redes da información é un dos grandes obxectivos do Foro Internacional sobre Comunicación e Xénero que organiza o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) o día 25 de novembro en Pontevedra.
O encontro, que forma parte das moitas actividades que se van desenvolver na nosa terra con motivo do Día Mundial para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, tamén vai orientado a analizar as posibilidades da Sociedade da Información como vieiro de organización do movemento feminista.
Na xuntanza, que conta xa cun espazo de traballo virtual, farase fincapé na necesidade de poñerlle fin ó papel dos medios informativos como “reprodutores dos silencios, invisibilizacións, estereotipos e discriminacións por razón de xénero". Este encontro forma parte dunha serie de catro foros que organiza o CPXG para fomentar o debate entre os xornalistas e a sociedade civil. Así, A Coruña acollerá un foro sobre Comunicación e discapacidades a mediados de decembro, Lugo sobre Comunicación e xuventude en febreiro e Ourense sobre Comunicación e persoas maiores, a finais de marzo de 2007.

PUBLICIDADE