A muller de Santa Claus revélase na Rede por unha causa solidaria

martes, 21 de decembro do 2010 Raquel Noya

“Mrs. Claus séntese máis sola que a unha e non quere pasar outra vez o Nadal sen o seu marido”. Esta é a mensaxe que lemos tódolos internautas ao entrar na web Sefeliz.org, na que a esposa de Papá Noel, cansa de pasar o Nadal sen o seu home, fai unha campaña para axudar ás persoas maiores que, coma ela, se senten solas nestas datas.
Detrás desta campaña, que tamén se pode seguir en Facebook, está Elogia Media, que por cada comentario solidario que os internautas deixen na devandita web, doará un euro para axudar aos nosos maiores máis necesitados.
Teresa Moreno, a nai de Andreu Buenafuente, é a protagonista desta acción solidaria na que se queixa de ser “abandoada cada ano polo seu marido”.
Nela, as persoas usuarias son animadas a enviar mensaxes de apoio á sufrida Mrs Claus e por cada comentario recibido, Elogia doará un euro a unha ONG de apoio á terceira idade.
A campaña lanzouse este martes, 21 de decembro, simultaneamente en 6 países (nos que Elogia ten presenza) e estará activa ata o vindeiro 7 de xaneiro de 2011.
Os responsables da iniciativa agardan recibir do redor de 3.000 comentarios entre todos os países, o cal, en palabras do presidente da axencia, Enric Aparici, “significará a mesma cantidade económica en axudas a colectivos sen ánimo de lucro que axuden á terceira idade”.
As ONG’s escollidas foron: Fundación Amigos de los Mayores (España); Seneca, Assistenza domiciliari anziani (Italia); Médicos do Mundo, Projecto terceira (C)idade (Portugal); Fundación Cielito Lindo (México); Lar Nossa Senhora da Glória (Brasil); e Fundación Geronto Vida (Argentina).

PUBLICIDADE