A mostra sobre as mulleres que fixeron posíbel a carreira aeroespacial chega ao Campus de Ourense

venres, 12 de novembro do 2021 S. P.

A mostra As mulleres que nos levaron á Lúa, impulsada pola Deputación de Ourense e a Unidade de Igualdade da UVigo, vén de recalar no campus ourensán, no Politécnico da cidade das Buras, onde estará visíbel até o 19 de novembro logo da súa estadía no Centro Cultural Marcos Valcárcel. A continuación, comezará un percorrido por centros educativos galegos.
En concreto, a exposición pon de relevo o traballo das mulleres que hai cincuenta anos foron claves para o éxito da misión do Apolo XI e a chegada da primeira persoa á Lúa, mostrando polo miúdo referentes femininos en ámbitos de futuro como a enxeñería aeroespacial
A idea desta exposición ten como punto de partida a inquedanza do profesorado universitario pola escasa presenza de mulleres nos graos científicos e tecnolóxicos e a falta de referentes femininos nestas disciplinas, así como polo éxito doutra mostra, Mulleres na Ciencia, organizada polas promotoras desta nova iniciativa trala declaración, por parte da ONU, do 11 de febreiro como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.
Na actualidade, sinalouse na inauguración da mostra, "unha de cada cinco persoas que traballan na industria aeroespacial son mulleres, das que só o 15 % cursan estas titulacións, cando esta enxeñaría, xunto coa de informática, son profesións de futuro nos ámbitos tecnolóxicos e da innovación que, ademais, poden estudarse no campus ourensán”.
As mulleres que nos levaron á lúa consta de doce paneis, con textos e ilustracións, nos que se recolle a biografía e logros do equipo de enxeñeiras, matemáticas, físicas e informáticas que tiñan como misión vixiar e preparar os cálculos de traxectoria, programación dos ordenadores e mesmo a alimentación dos astronautas que viaxaron ao espazo no Apolo XI.

PUBLICIDADE