A mostra interactiva sobre Celso Emilio chega á Biblioteca Nodal da Coruña

luns, 14 de maio do 2012 Redacción

A exposición na súa estadía na biblioteca de Santiago de Compostela

A mostra interactiva sobre Celso Emilio Ferreiro, que conmemora os cen anos do nacemento do autor de Longa noite de pedra, chegou este luns á Biblioteca Nodal da Coruña Miguel González Garcés. A exposición, da que temos falado en Código Cero en boa medida pola súa vertente tecnolóxica, estará no devandito centro ata o 25 de maio, logo das súas estadías en Santiago e Pontevedra. Logo da súa permanencia na Coruña, chegará ás bibliotecas nodais de Ourense, Lugo e Vigo.
O Punto de información Multimedia Celso Emilio Ferreiro, así se chama a mostra, é unha exposición a cabalo entre dous mundos: o físico, o palpable, e máis o dos tempos 2.0 cos que están xa máis que familiarizadas as novas xeracións.
A mostra foi desenvolvida por Ouvirmos e está inserida nas actividades da Consellería de Cultura para celebrar o centenario do poeta.
Tamén colaborou nela, arreo, a Fundación Celso Emilio Ferreiro.
O Punto multimedia consta dunha pantalla de 46 polgadas cun interactivo dinámico baseado no concepto de liña de tempo, que permite coñecer e navegar polo universo literario e persoal do poeta a través de diferentes apartados referidos á súa traxectoria vital, obra, fotografías ou ao son da súa voz.
Xunto a esta pantalla interactiva, hai instalada unha Mesa de luz na que se amosan obxectos persoais de Celso Emilio Ferreiro como os seus lentes, as súas cartas ou a súa máquina de escribir.
Sinalar que en outubro a exposición multimedia arribará aos centros educativos para achegarlles aos estudantes de secundaria a obra e a figura do poeta da vila de Celanova. Acollerán a mostra o IES Francisco Daviña Rei (Monforte), o IES de Foz (Foz), o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), o IES Maruxa Mallo (Ordes), o IES Illa de Tambo (Marín), o IES Aquis Celenis (Caldas de Reis), o IES Xesús Taboada Chivite (Verín), o IES Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras) e, finalmente, o IES de Celanova (Celanova).