A mostra da Deputación de Lugo sobre o Orgullo LGTBI poderá visitarse virtualmente

venres, 23 de xuño do 2017 Redacción

A Deputación de Lugo sumouse ás accións de celebración do Día do Orgullo LGTBI 2017 (o 28 de xuño). E fíxoo achegando unha serie de actividades de balde, para todas as idades e en colaboración co Concello de Lugo e o colectivo ARELAS. O programa, que se desenvolverá entre hoxe e o 30 de xuño na cidade da Muralla, foi presentado este 23 de xuño polo deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a presidenta de ARELAS, Cristina Palacios. O acto incluíu, entre outras cousas, o izado da bandeira do orgullo LGTBI e a lectura dun manifesto no consistorio. A listaxe de actividades previstas inclúe a posibilidade de visitar virtualmente unha mostra específica sobre a celebración e reivindicación dos colectivos das persoas gais, lesbianas, bisexuais, transxénero e intersexuais.
A exposición, inaugurada hoxe nos xardíns do Museo Provincial de Lugo, leva por nome Nos+outrxs en Rede. Lugo Diversx. Redes da liberdade. Estará exposta até o 30 de xuño nos catro museos da Deputación: Museo Fortaleza San Paio de Narla, Museo do Mar, Museo Pazo de Tor e Museo Provincial de Lugo. A posibilidade de vela fisicamente complementarase, para todas aquelas persoas que non poidan achegarse aos ditos recintos de exposicións, coa opción de visitala no plano virtual a través da web www.redemuseisticalugo.org.
A mostra conta con 53 pezas e nela participan artistas de toda España que achegan distintos tipos de obras como debuxos, escritos, poemas ou fotografías co obxectivo de manifestar o seu apoio á causa dos ditos colectivos. Anteriormente o Goberno da Deputación e ARELAS organizaron unha convocatoria aberta á participación nesta mostra para a celebración o Día do Orgullo LGTBIQ. Esta acción forma parte do proxecto Nós + outrxs en rede realizado a partir do compromiso de colectivos, artistas e a Rede Museística da Deputación e o Museo Thyssen, que versa sobre as cuestións de museos, educación, xéneros e identidade.

PUBLICIDADE