A mostra Mulleres na Ciencia prosegue o seu periplo anual por 17 centros educativos galegos
mércores, 4 de maio do 2022
Baixo
a premisa de reivindicar as relevantes contribucións pasadas,
presentes e futuras das mulleres no progreso científico e
tecnolóxico, tres escolas da UVigo puxeron en marcha a principios de
curso unha exposición itinerante que segue estes días o seu periplo
por centros educativos galegos: un
total de 17 neste ano académico. Trátase da mostra Mulleres
na Ciencia, impulsada polo colectivo eXXperimenta
en Feminino, composto por profesoras e investigadoras da Escola
Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría
Aeronáutica e do Espazo e a Facultade de Ciencias do Campus de
Ourense. No seu itinerario, poderá verse ata o 18 de maio na
entreplanta do Edificio Politécnico.
Trátase
dunha iniciativa que conta co patrocino da Unidade de Igualdade da
Universidade de Vigo e da Fundación Española para la Ciencia y la
Tecnología (FECYT), do Ministerio de Ciencia, Innovación e
Universidades, e que ten como obxectivo último “espertar en
rapazas e rapaces a vocación científica suplindo a carencia de
referentes femininos no campo STEM”.
A
iniciativa arrancou hai dous cursos académicos, aínda que a
pandemia impediu o seu desenvolvemento con normalidade ata o pasado
ano. Tras a súa parada no Campus de Ourense, a exposición irá ao
Colexio Los Sauces, de Vigo, e continuará o seu percorrido ata a
primeira quincena de xuño, visitando en total este curso académico
17 centros educativos galegos.
A
exposición, sinalan as súas promotoras, está sendo moi ben
acollida polos centros, “que nos destacan nas súas valoracións
que é moi interesante e que lles permite achegarse a científicas
que non coñecían”.
A
mostra está formada por 14 pósters de gran tamaño sobre mulleres
cun destacado papel no eido STEM escollidas cada unha delas por un
grupo de investigación que forma parte de eXXperimenta en Feminino.
De cada protagonista, a exposición recolle información da súa
traxectoria, de cales foron as súas achegas e dos premios ou
recoñecementos que recibiu tanto en vida como posteriormente.
A
través dos paneis expostos, o público pode coñecer desde a
primeira muller galega (e española) en presentar unha tese no eido
da astronomía ata a investigadora que deu o seu nome á linguaxe de
programación ADA. Concretamente, a exposición ofrece información
da física Mileva Maric; da física e pioneira na apicultura Eva
Crane; da programadora Ada Lovelace; da astrónoma Antonia Ferrín;
da bioquímica Margarita Salas; da química e nutricionista Elsie
Widdowson; da enxeñeira química Frances Arnold; da enfermeira
Isabel Zendal; da microbióloga Esther Lederberg; da psicóloga e
bióloga Linda B. Buck; da química industrial e farmacéutica María
José Núñez; da farmacéutica e química Tarsy Carballas; da
tecnóloga dos alimentos Concepción Llaguno e da química e
farmacéutica Teresa Toral.
Como
alternativa para as persoas que desexan ver os materiais pero non
poden facelo de xeito presencial, o colectivo organizador tamén ten
realizado unha versión virtual da exposición. Trátase de 14 vídeos
curtos nos que investigadoras e profesoras de catro centros do Campus
de Ourense explican de xeito divulgativo a traxectoria e relevancia
das 14 mulleres referentes no campo da ciencia, a tecnoloxía e as
enxeñarías que forman parte da exposición eXXperimenta en
Feminino. Igualmente, na
páxina web do proxecto pódense ver os paneis que conforman a
mostra.