A mostra Elas Fan Tech chega ao campus de Pontevedra

mércores, 20 de novembro do 2013 Redacción

O proxecto expositivo do espazo Normal da Universidade da Coruña dirixido a pór de manifesto o pulo das mulleres creadoras na arte e a comunicación dixital, Elas Fan Tech, chega ao campus de Pontevedra. A inauguración da mostra na cidade do Lérez celebrarase este xoves 21 de novembro ás 12:30 horas. A exposición ocupará a Sala X, o espazo de exposicións do Campus de Pontevedra, pertencente á Universidade de Vigo, desde ese día até o 17 de xaneiro do vindeiro ano. Con este diálogo no eido cultural, ambas institucións apostan por desenvolver novas vías de colaboración alén dos ámbitos académico e investigador.
Producido por Normal e comisariado por Anxela Caramés, o proxecto reuniu o traballo dunha serie de artistas españolas e internacionais que veñen explorando as posibilidades expresivas dos medios tecnolóxicos na súa obra. “Doce artistas que entrecruzan o factor lúdico co científico, o humor coa fantasía ou a política, mesturando estética e ciencia en múltiples medios dixitais”, explican dende Normal a conto deste proxecto expositivo. Esta mostra, que acubilla obras de Yasmina Morán, Inés Parcero, Bego M. Santiago, Anna Katarina Martin, Lilia Villafuerte, Fátima Castaño, Chris Sugrue, Francesca Mereu, Anaisa Franco, Mariana Carranza, Victoria Diehl e Nuria Cano, ocupou a sala de exposicións de Normal entre o 21 de xaneiro e o 9 de marzo deste ano.

PUBLICIDADE