A morte de Whitney Houston tivo un grande impacto na Rede

luns, 13 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

A pasada fin de semana puidemos ver un novo exemplo de rápida reacción da Rede ante unha nova de máxima actualidade como foi a do pasamento da cantante Whitney Houston, do que informou en primicia a publicación TMZ, que xa fixera o propio coa morte de Michael Jackson, e que explotou dun xeito feroz o tráxico acontecemento, sendo o primeiro medio en amosar imaxes do cadáver da cantante de R&B, nunha especie de todo vale na que unha completa rede de informadores a pé de rúa conseguen informacións rechamantes como os maltratos que padeceu Rihanna a mans de Chris Brown, ou a detención de Mel Gibson por conducir bébedo.
Tamén Twitter xogou un papel crucial, circulando información sobre a morte de Whitney Houston a poucos minutos de que acontecese, e converténdose tamén nunha plataforma que serviu para que tanto seareiros coma compañeiros de profesión (Mariah Carey, Christina Aguilera, Chaka Khan, Smokey Robinson, Queen Latifah...) puidesen amosar as súas condolencias polo prematuro falecemento.

Twitter deu rápida conta do pasamento da artista

Pero na Rede tamén xurdiu certo malestar ao constatarse que tras confirmarse o pasamento da cantante, Sony Music decidiu elevar o prezo do catálogo musical da artista nos servizos de descargas musicais como iTunes, no que o público considerou que foi un xeito noxento de aproveitar a defunción da cantante. Pero todo iso non impediu que neste momento a canción máis descargada en iTuns sexa a versión de I Will Always Love You de Whitney Houston (superando a Adele e a Michel Teló) e que a cantante conseguise colocar 4 dos seus álbums (3 recompilatorios e a banda sonora de O Escolta) entre os 10 máis vendidos no servizos de descargas musicais de Apple.

A páxina web oficial da cantante fai un chamamento a lembrar a súa carreira musical</A>

PUBLICIDADE