A morte de Osama bin Laden está moi viva na Rede

luns, 2 de maio do 2011 Marcus Fernández

A morte de Osama bin Laden tamén ten moita repercusión en Facebook

A prensa internacional está a dar conta da morte de Osama bin Laden a mans dun comando norteamericano en Pakistán, o que está a ter unha forte repercusión na Internet, onde podemos ver que o asunto é tema do momento en Twitter e mesmo Facebook, onde unha páxina co título Osama Bin Laden is DEAD conseguiu preto de 300.000 seareiros en poucas horas (servindo actualmente como punto de encontro para discutir sobre o tema e compartir informacións publicadas na web, así como para demostrar que as imaxes que circulan pola Rede do suposto cadáver do terrorista son falsificacións).
A Casa Branca publicou a correspondente declaración oficial no seu blog, e en YouTube podemos ver as declaracións do presidente Barack H. Obama dando conta do acontecido.


Declaracións de Barack H. Obama sobre a operación na que deron morte a Osama bin Laden

Imaxe da zona publicada por Sohaib Athar</A>

Pero o máis rechamante dende o punto de vista das redes sociais foi o feito de que a operación militar en Pakistán foi tuiteada por parte de Sohaib Athar, un consultor informático que narrou dende Abbottabad a aparición dun helicóptero sobre a vila (o que non era algo habitual) e unha explosión, para decatarse ao pouco tempo de que o que estaba a ser testemuño indirecto dunha nova de máxima actualidade, como tamén aconteceu con Mohcin Shah (outro tuiteiro que conversaba sobre o asunto na web). Athar tamén compartiu unha imaxe na que podíase ver a calma na zona tras a acción militar, localización que tamén pode atoparse en Google Maps.

O lugar no que estaba agochado o terrorista pode atoparse en Google Maps
En Flickr tamén podemos atopar numerosas fotografías das celebracións espontáneas</A> que tiveron lugar nas rúas dos EE.UU. ao coñecerse a nova do pasamento de Osama bin Laden

PUBLICIDADE