A mobilización en liña O Xigante Acordou sobe o nivel da loita brasileira contra a corrupción
luns, 22 de xullo do 2013
Os días pasados
propagouse no Twitter un hashtag que resume e sintetiza o
potencial das redes sociais como instrumentos para o cambio político
a nivel mundial. Trátase da etiqueta #OGiganteAcordou,
que fai referencia aos acontecementos sociais desenvolvidos os días
pasados en Brasil (o xigante), e cuxas faces visíbeis, as
mobilizacións na rúa e nas redes contra a corrupción política,
deron unha serie de interesantes resultados. Por certo que a campaña
ten web de seu reflexo,
tamén, noutras redes como Facebook.
Consecuencia de todo isto: a sociedade (primeiro) e o tecido político
(despois) do país irmán, abriron os ollos. As repercusións
déixanse notar por tódolos recantos. Segundo nos lembran dende a
plataforma-colectivo ciberactivista
Avaaz.org, a semana pasada o Senado brasileiro referiuse
repetidamente á dita comunidade de internautas mentres votaba unha
lei para permitir a presentación de calquera petición cidadá de
500.000 sinaturas directamente ante o Congreso.
Para colectivos como
Avaaz e para a comunidade internauta por enteiro, a devandita lei
confirma ás claras o importante ingrediente de participación cidadá
que están a achegar as redes. Consecuencia disto: proxectos
políticos que conten con rexeitamento social abondo, non poderán de
ningunha maneira saír adiante. Un exemplo pode ser o acontecido hai
uns días na nosa terra, en relación á mina de ouro de Corcoesto,
cuxo proxecto, probadamente contaminante (e rexeitado dende a Rede
das máis diversas maneiras), vén de ser paralizado temporalmente
pola Xunta. Para as plataformas de ciberactivistas, Brasil amosa ás
claras o que vai ser o futuro da función política: unha función
que terá moi presente o que diga a cidadanía nas comunidades en
liña.
Como lembraremos, a
sociedade brasileira dixo non, de xeito unánime, á corrupción sen
freo do país. En consecuencia, púxose en marcha a campaña Ficha
Limpa (para impedir que os políticos condenados por crimes
puidesen ser candidatos a cargos de elección popular) e segundo foi
o fornecemento a comezos deste ano da petición máis grande da
historia do país, posta en marcha por un membro de Avaaz. Na
petición, reforzada por 1,6 millóns de persoas a través da Rede,
esixiuse que os senadores expulsasen ao presidente do Senado, un
político caido en desgraza por acusacións de corrupción. “O
presidente aínda resiste, pero estamos a piques de eliminar a
práctica de voto secreto que lle permitiu acceder ao posto máis
importante no Senado”, informa a plataforma. Ademais, como
dixemos, o Senado aprobou unha medida para que aos cidadáns lles
sexa máis doado ter repercusión no rumbo político do país. Isto
farase reducindo á metade o número de persoas que se precisan para
asinar iniciativas lexislativas populares.