A misión inversa do Clúster TIC Galicia saldouse con novas oportunidades de negocio

luns, 4 de xuño do 2018 Redacción

Finalmente a misión comercial inversa organizada os días pasados polo Clúster TIC Galicia co obxectivo de amosar a empresas e entidades americanas e europeas (in situ) o potencial innovador das nosas firmas, saldouse en palabras da organización empresarial galega coa apertura de “novas oportunidades de negocio para o noso sector”. O Clúster lembra que as sete importadoras potenciais convidadas “mostraron gran interese polo traballo que se está desenvolvendo na Comunidade”.
O obxectivo da misión non foi outro que o de fortalecer pontes de colaboración e impulsar a actividade das nosas empresas de novas tecnoloxías nos países da outra beira do Atlántico e, tamén, da contorna europea. A estadía rematou o 24 de maio. Nela participaron sete empresas punteiras nos eidos das telecomunicacións, os medios audiovisuais, a consultoría e o desenvolvemento de software, procedentes de Latinoamérica, Canadá, Alemaña e Inglaterra. Pola nosa terra, o Clúster TIC contou co apoio de entidades como o Centro de Investigación TIC, o CITIC, ou do centro CiTIUS da Universidade de Santiago.
Durante o evento, leváronse a cabo xuntanzas bilaterais e actividades de traballo en rede entre os socios do Clúster TIC Galicia e as compañías internacionais convidadas. A través destas xeiras de traballo e de intercambio de experiencias, estreitáronse lazos comerciais e detectáronse oportunidades de negocio.
Entre as sete importadoras potenciais convidadas estiveron entidades con moita bagaxe en materia de transformación dixital de negocios, como The Server Labs (Inglaterra); Ceeq IT (Canadá), especializada na utilización do Machine Learning ou aprendizaxe automática no sector bancario e nas compañías aseguradoras; e GBTEC Software (Alemaña), que conta cunha innovadora ferramenta de BPM (Business Process Management), denominada BIC Platform, que segundo informa o Clúster TIC Galicia, xa se puxo en marcha como sistema de xestión automática de procesos en administracións públicas e empresas de todo o mundo.
O audiovisual tamén tivo un papel importante, coa presenza do director técnico de TCS (Telecorporación Salvadoreña), a empresa de medios de comunicación máis grande do Salvador e unha das máis innovadoras da contorna centroamericana; Azteca Comunicaciones, que conta coa rede de fibra óptica máis grande de Colombia e con servizos de televisión, Internet e telefonía para máis de 900 localidades e 2.000 institucións públicas; e GoLive Entertainmen Holding (Arxentina), cunha plataforma de OTT (Over-The-Top), que ofrece un sistema de streaming en alta definición, apps multipantalla e un acubillo de contidos con más de 8.000 títulos. Na misión tamén participou a compañía Adminex (Brasil), que ofrece solucións en administración (asesoría legal, contabilidade, recursos humanos) a empresas que queren establecer actividades no estranxeiro.
Segundo explica o Clúster, o encontro permitiu tamén atopar provedores, socios tecnolóxicos, e acadar acordos comerciais que reforzan un dos obxectivos principais do Clúster: visualizar Galicia como referencia en innovación tecnolóxica e I+D+i a nivel mundial e captar influencers no sector TIC internacional. O Clúster tamén salientou moi positivamente a participación do CITIC, o Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, cuxo responsábel de Innovación e Transferencia Tecnolóxico, Manuel Bustabad, puxo en valor as capacidades do centro e as súas principais liñas de actividade en I+D+i. Tamén a xestora de I+D no CiTIUS, María Tenorio, explicou o compromiso do centro da USC no que traballa coa excelencia investigadora e a mellora continua na programación científica e na procura de financiamento e impacto.

PUBLICIDADE