A ministra de cultura asegura que non haberá restriccións no uso da Rede

mércores, 3 de xuño do 2009 Raquel Noya

As declaracións de Mariano Rajoy asegurando que “acudiría aos tribunais no caso de que o Goberno español implantase unha normativa similar á francesa” referíndose á polémica lei dos tres avisos de Sarkozy pola que se permite o corte do acceso á Rede a aqueles usuarios que compartan contidos protexidos por dereitos de autor, non tardou nada en estar en boca de todos e en prender a mecha da disputa entre os xornalistas máis influíntes do panorama nacional.
Tanto foi así que a ministra de Cultura do noso país, Ángeles González-Sinde, que se atopa de visita en Portugal para, entre outras cousas, inaugurar o Festival de Cine Español, xa foi “advertida” das palabras do presidente do PP polos xornalistas, aos que tranquilizou asegurando que “non haberá ningún tipo de restricción no uso de Internet”.
González-Sinde, que coñece como ninguén o alcance deste medio de difusión da información en auxe, respondeu en Lisboa ás preguntas dos xornalistas sobre as afirmacións do líder do Partido Popular de xeito rotundo e tranquilizou aos usuarios e usuarias asegurando que “non debemos ter medo a que haxa ningún tipo de restricción porque Internet é un medio de difusión necesario e fundamental para todos no noso día a día”.

PUBLICIDADE