A mercadotecnia dixital e a Intelixencia Artificial centran tres novos obradoiros de SmartPEME

luns, 4 de abril do 2022 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa de formación tecnolóxica SmartPEME, oferta esta semana tres novas accións formativas impartidas online, a disposición de profesionais, pequenas e medianas empresas e persoas autónomas en xeral. As accións versarán sobre Woocommerce, mercadotecnia dixital e Intelixencia Artificial e serán impartidas de 12.00 a 13.00 horas.
As actividades comezarán este martes 5 cun obradoiro sobre Woocomerce: a solución que buscabas para vender por Internet II no que María Aller, máster en mercadotecnia dixital, continuará na liña do taller impartido a semana anterior falando desta ferramenta tan sinxela e intuitiva que permite montar unha tenda en liña cun catálogo.
O mércores 6 Adrián Fernández, con ampla experiencia e traxectoria profesional asesorando empresas no ámbito da comunicación e mercadotecnia dixital, falará sobre Márketing social: estratexias dixitais para entidades do terceiro sector. Farao nun obradoiro no que se revisarán as principais estratexias en liña, as ferramentas e as canles dispoñíbeis máis axeitadas para as entidades do terceiro sector.
A derradeira das formacións desta semana terá lugar o xoves 7 e será o inicio dun itinerario formativo no que Manuel Freire, experto universitario en robótica, impartirá contidos sobre Intelixencia Artificial, iniciación con robots. Estes obradoiros versarán sobre Intelixencia Artificial aplicada ao recoñecemento de imaxes.

PUBLICIDADE