A meirande parte dos usuarios de iPhone non teñen ordenadores de Apple

mércores, 2 de abril do 2008 Marcus Fernández

Unha enquisa realizada por Rubicon Consulting sobre 460 propietarios dun iPhone (descargable en formato PDF) amosou interesantes datos sobre o uso que se lle dá ó móbil de Apple. Sabemos así que o 80% dos consultados están satisfeiros co terminal e o 72% usa diariamente o e-mail dende o dispositivo móbil, mentres que o 55% recoñecen que incrementaron a navegación web móbil.
Tamén podemos destacar que preto da metade dos usuarios cambiaron de operador para adquirir o iPhone, e o 40% empregaba anteriormente un smartphone. Pero un dato que sorprende é que só a cuarta parte dos usuarios dun iPhone teñen ordenador Mac, polo que se desbota a crenza de que é un produto empregado básicamente por maqueiros.

Só a cuarta parte dos usuarios do iPhone teñen un Mac

Pero non tódolos datos presentados son positivos para o iPhone, senón que o 40% dos consultados admitiron ter problemas ó acceder a algunha páxina web, a terceira parte teñen outro móbil máis e 1 de cada 10 usuarios aseguran que lles doe a man despois de usar o iPhone. Tamén incrementaron o seu gasto en telefonía móbil, que estaba de media en 78 dólares/mes e agora é de 97 dólares/mes.

PUBLICIDADE