A manifestación a prol do galego deste domingo, polo miúdo na Rede

venres, 16 de outubro do 2009 Fernando Sarasketa

A falta dun seguimento nos grandes medios informativos galegos (cousa previsible, tendo en conta que case todos levan anos dándolle as costas á nosa lingua, dá igual o seu tamaño e repercusión), a comunidade internauta galega está a pechar fileiras arredor da mobilización deste domingo 18 de outubro. A convocatoria, da que xa falamos nesta web para informar da distribución na Rede de material gráfico que promovese até onde fose posible a participación de todas e todos (con independencia da ideoloxía), vén da man da plataforma Queremos Galego, que ten como obxectivo poñer freo aos plans que a nova Xunta está a poñer en marcha para rebaixar a presenza da nosa lingua nos eidos da educación, a vida pública ou mesmo a cultura.
Como dixemos, a mobilización, que ten o seu punto de partida na Alameda de Santiago de Compostela ás 12 horas do domingo, está a atopar especial seguimento en medios galegofalantes, como é o caso de Galicia Hoxe, Xornal.com (que inclúe unha entrevista con Xurxo Souto, membro de Queremos Galego), Vieiros ou A Nosa Terra, pero a convocatoria apenas aparece reflectida nas edicións en papel e dixitais dos grandes xornais (e no caso de facelo, cómpre facer esforzos para ver a información).
E todo isto malia estar mobilizadas até 500 entidades, dous partidos políticos (o BNG e máis o PSOE, estando prevista tamén a participación de algúns representantes do PP) e contarse co aval de máis de 3.000 persoas (asinantes en apio da plataforma).
Entre as moitas webs que si que están a achegar cobertura previa á manifestación atopamos a de Komunikando (que dá conta das actividades da xornada previa), a de Galiciae (informando entre outras cousas da presentación da plataforma en Madrid) ou as páxinas de GZNación, ADEGA, A Mesa, O Colectivo Ártabra, O Consello da Cultura Galega ou El País.

PUBLICIDADE