A maioría dos internautas españois emprega redes sociais

mércores, 25 de febreiro do 2009 Fernando Sarasketa

En España úsanse as redes sociais e a base de ben. Este dato, que non deixa de ser curioso se temos en conta que a poboación do Estado non ten destacado precisamente polo emprego xeral da Internet, confirma o que xa se sospeitaba: que era precisa a chegada de servizos concretos de comunicación, participación e comunidade en liña para incrementar a cifra de usuarios da Rede no país (que, todo hai que dicilo, segue sen ser salientable). O sexa, que era necesario que webs como Tuenti, Facebook, MySpace e Hi5 se afianzasen no panorama en liña para ir rebaixando en algo a fenda dixital.
Segundo sinala a empresa ComScore nunha investigación sobre o uso destes recursos en liña a nivel europeo, España é o segundo país da Unión con máis usuarios de redes sociais, só por detrás do Reino Unido. Deste xeito, un 73,7% dos internautas do país visitou polo menos unha vez algún destes espazos durante decembro de 2008.
Máis polo miúdo, durante o último mes de o ano accederon a unha rede social máis de 13 millóns de españois, o que representa unha cifra considerable, sobre todo se temos en conta que, como dixemos ao principio, España non destacou nin destaca polo seu elevado número de usuarios da Internet xenérica: a día de hoxe, 18 millóns de cidadáns.
Polo que se refire a preferencias, dicir que o que máis se visita é Tuenti, seguido de Facebook, que é a rede social que a día de hoxe máis medre de usuarios está a experimentar no mundo. O primeiro dos servizos devanditos, de participación española, dispuña en decembro do ano pasado de máis de 5,6 millóns de internautas inscritos únicos, amoreando unha taxa de medre internaual nada desprezable: do 770%.

PUBLICIDADE