A maioría dos concellos galegos suspenden en transparencia

luns, 30 de xuño do 2014 Redacción

O estudo acompáñase dun mapa onde se informa do nivel de transparencia web dos concellos galegos

O grupo CIDACOM da Universidade de Santiago presentou estes días un interesante informe sobre cuestións como eAdministración ou Cidades Dixitais aplicadas á realidade dos nosos gobernos locais, comparando o nivel de integración destas correntes-metodoloxías nuns e noutros e achegando datos xerais e taxas medias de implantación (en xeral a cousa non pinta ben). O informe Transparencia nos concellos galegos, que se acompaña dun mapa en liña sobre o nivel de uso que os gobernos locais lles dan ás súas webs (seleccionando España e Galicia e premendo logo en aplicar e nas localizacións que nos interesen), indica entre outras cousas que a maioría dos municipios galegos de máis de 20.000 habitantes suspenden no ámbito da transparencia.
Como dixemos, detrás deste estudo atópase o grupo Cidadanía e Comunicación (CIDACOM) da Universidade de Santiago, que traballou nesta investigación co Laboratori de Periodisme i Comunicació per a la Ciutadania Plural da Universitat Autónoma de Barcelona. O seu labor inseriuse no proxecto Infoparticip@, no que traballan tamén as universidades de Girona, La Laguna, Málaga, Politécnica de Catalunya ou Rei Juan Carlos.
O informe, redactado polo investigador Paulo Carlos López e pola investigadora Belén Puñal Rama baixo a dirección dos profesores Luis Álvarez Pousa e Amparo Moreno Sardà, conclúe que logo da aprobación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e da recente Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, “a súa aplicación é moi precaria e limitada”. Sobre o espectro de indicadores sobre os que se centrou o seu labor, dicir que foron un total de 41 en cada web local, organizados en catro bloques: Quen son os representantes políticos; como xestionan os recursos colectivos; como informan da xestión dos recursos colectivos e que ferramentas ofrecen para a participación cidadá no control democrático. Entre as conclusións figura o seguinte dato: dos 22 concellos galegos avaliados de máis de 20.000 habitantes, a maioría non acadan o aprobado, e ningún ten unha puntuación superior ao 75%.
Das que corresponden aos concellos que son capitais de provincia, a de Ourense cun 44% é a única que suspende, e Ponteareas e Marín non chegan nin tan sequera ao 25%, porcentaxe que segundo os redactores do informe, “non só está dentro do ética e politicamente reprobábel, senón que tamén incumpre o legalmente esixíbel”. Encabeza a clasificación Lugo co 68%; seguida de Coruña, Pontevedra e Cambre co 63%; Vigo figura na quinta posición co 61%, Santiago (56%) na sexta e Ferrol na sétima (51%). Pola parte baixa, ademais de Ponteareas e Marín, figuran tamén Carballo e Lalín, cun 34% dos indicadores validados.
O informe sinala tamén que “en ningunha web atópase información completa sobre quen son os representantes políticos no goberno e na oposición, e os recursos para que a cidadanía poida contactar con eles son moi limitados ou nulos”. No que atinxe aos indicadores sobre como se planifica e se desenvolve a xestión, en só dúas páxinas dáse conta da relación de postos de traballo da corporación e as retribucións segundo as categorías, en só cinco publícase a retribución dos cargos electores e en sete o orzamento do concello actualizado. A investigación tamén sinala que os datos sobre os representantes políticos, no goberno e na oposición, “ten que ser completa, especialmente á que se refire á súa retribución”. Asemade, tamén informa “da necesidade de revisar as rutinas na produción de novas para evitar as malas prácticas da propaganda dos cargos electos que ocupan os gobernos”.

PUBLICIDADE