A banda larga de Internet estenderase a 11.300 núcleos rurais

venres, 29 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

O noso rural será o gran beneficiario do Plan de Banda Larga, na imaxe a aldea de Grobas en Forcarei

Malia o ben que o estaba a facer a empresa de Melide Intermax co seu proxecto para rematar coa fenda dixital galega a través da seguinte fase do Plan de Banda Larga no rural, tendo en conta a colleita de información dixital de hoxe, semella que polo de agora non vai poder ser. Polo menos iso é o que se nos di este venres dende La Voz, unha información que de confirmarse (posto que non hai nada confirmado aínda e os datos cómpre collelos con pinzas), o proxecto para levar internet de alta velocidade a máis de 250.000 galegas e galegos que aínda fican a contrapelo destas redes, recaerá ao final nunha empresa non galega, en Telefónica, malia o probado potencial, posibilidades e calidade da nosa oferta. A nova chama máis a atención se temos en conta que a firma supostamente adxudicataria non se caracterizou precisamente por ter máis compromiso por rematar coa nosa fenda. Por estas e outras razóns, recoméndase cautela cos datos devanditos.
Acerca da devandita fase do Plan, dicir que significaría entre outras cousas levar redes de alta velocidade a máis de 11.000 núcleos do noso rural, hoxe en día sen posibilidade de acceder a unha internet cun mínimo de calidade ou cunha oferta deficiente. Segundo lle apuntou Telefónica a La Voz, foi a mesma Xunta, responsábel do Plan, a que lle comunicou a adxudicación provisional do seu programa para extensión de banda larga, unha estratexia que supón a achega de redes de alta velocidade a zonas da xeografía galega de especial dificultade en cuestións de cobertura, sobre todo polo seu carácter afastado e, tamén, polo complicado da súa orografía. Segundo informa La Voz, a dita resolución aínda ten carácter provisional, falta que se aprobe definitivamente, intre no que poderán comezar os labores de despregue de equipamentos e infraestrutura. A tecnoloxía a empregar será a UMTS-3G. A execución do plan supón un investimento por parte de Telefónica de 64 millóns de euros, do que 15 virían achegados pola Xunta. Lembrar que a oferta de Intermax correspondía ao estándar 802.11n, “o máis evolucionado para as transmisións de datos que posibilita acesos teóricos de 300 Megas e accesos reais de 200 Megas, garante a máxima calidade e está avaliado polo éxito destas redes noutras comunidades autónomas como Cataluña, Comunidade Valenciana e Andalucía que contan con máis de 50.000 usuarios”, informou Intermax.

PUBLICIDADE