A liberdade de panorama pode estar en perigo na Unión Europea

luns, 22 de xuño do 2015 Marcus Fernández

A lexislación podería limitar a reprodución de fotografías en lugares públicos nas que aparezan obras arquitectónicas con dereitos de autor como as Torres Hejduk da Cidade da Cultura

Aínda que nun primeiro momento os dereitos de propiedade intelectual e as fotografías tomadas na rúa por particulares non entraban en conflito, unha vez que comezamos a publicar as nosas imaxes na Rede a situación complícase, e temos que en cada país hai lexislacións diferentes sobre un concepto coñecido como liberdade de panorama, ou sexa, o dereito de tomar e utilizar fotografías de espazos públicos aínda que figuren nas imaxes edificios ou esculturas consideradas como expresións artísticas, o que fai que sexa preciso solicitar autorización para publicar imaxes de certos monumentos (o que os fai practicamente invisibles na Rede, o provoca numerosas incidencias, como o feito de que tivesen que borrar preto dun cento de imaxes la Pirámide do Louvre de Wikimedia Commons, a fonte de imaxes da Wikipedia).
Este curioso concepto vai debaterse o vindeiro 9 de xullo no Parlamento Europeo, onde se someterá a votación unha iniciativa sen carácter lexislativo, pero que podería chegar a incluír nos regulamentos europeos posteriores, que pretende abolir no territorio comunitario o mencionado dereito de panorama, o que claramente parece unha medida moi pouco razoable, xa que non parece cabal pretender que arquitectos e escultores cobren dereitos de autor polas fotografías das súas obras do mesmo xeito que un músico cobra polas reproducións das súas cancións. Facer que o copyright poida apropiarse do espazo público parece un concepto perigoso, especialmente se temos en conta que as propias obras xa se elaboran tendo como obxectivo que estean á vista do público.
Dende entidades como o Partido Pirata están a pedir aos cidadáns europeos que contacten cos seus representantes no Parlamento Europeo para que defendan a liberdade de facer uso de fotografías tomadas en lugares públicos. Curiosamente no artigo de Owen Blacker sobre esta materia, entre as fotografías empregadas como exemplo está unha das Torres Hejduk na Cidade da Cultura de Galicia, das que non poderían distribuírse fotografías libremente de aprobarse a emenda que pretenden no Parlamento Europeo.

PUBLICIDADE