A liberación de software protagonizará o primeiro Xoves Libre de abril

xoves, 27 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Dentro da serie de eventos organizados polo Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) coñecida como Xoves Libres o vindeiro 3 de abril ás 19:00 horas no laboratorio 0.1w da Facultade de Informática da Coruña terán lugar un par de relatorios relativos ao software libre.
Iniciará o encontro Rafael Rodríguez Gaioso, coordinador da Oficina de Software Libre integrada no Consorcio das universidades galegas (CIXUG) e fundador de MeLiSA, quen introducirá ás licenzas de software máis empregadas para liberar código e explicará os motivos polos que un programador decide publicar o seu traballo cunha licenza libre. Tamén presentará a edición 2014 do Premio ao mellor Traballo de Fin de Grao con licenza libre.
Completará a sesión Pablo Belay expondo o caso práctico de liberación de XeoPesca como software libre, iniciativa que valeulle o Premio ao mellor Proxecto Fin de Carreira con licenza libre 2013 e destacar nos Premios de PortalProgramas.

Rafael Rodríguez Gaioso aproveitará a súa intervención para presentar a edición 2014 do Premio ao mellor Traballo de Fin de Grao con licenza libre

PUBLICIDADE