A investigadora Aida Fernández, nova incorporación ao Álbum de Galicia

luns, 3 de maio do 2021 S. P.

O Álbum de Galicia, a base de datos online do Consello da Cultura Galega na que se recolle a historia da nosa terra a través de biografías destacadas, comezou o mes de maio cunha nova incorporación. Máis polo miúdo, a da investigadora Aida Fernández.
A investigadora Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947-Moaña, 2015) foi unha científica que destacou polo seu coñecemento na acidificación dos océanos por mor do cambio climático e a primeira muller en dirixir o Instituto de Investigacións Pesqueiras, centro no que desenvolveu toda a súa carreira ata acadar a categoría máxima como profesora de investigación. Foi a primeira muller que acadou esa responsabilidade. Os seus estudos sobre a acidificación do océano convertérona nunha investigadora de referencia en Europa, dirixindo un Comité Internacional da Xeosfera con eses obxectivos desde 2005 a 2011. En 2015 foi nomeada académica de número da Real Academia de Ciencias de Galicia.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o CCG presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea foi “dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país”, en palabras do CCG.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas.
Ademais, permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.

PUBLICIDADE