A intelixencia artificial e o big data centrarán o primeiro mestrado de FP dual de Galicia

xoves, 7 de xullo do 2022 Redacción

A Xunta de Galicia en colaboración coa empresa NTT Data Spain SLU vai poñer en marcha a primeira especialización de FP Dual de Galicia e das primeiras de España en Intelixencia Artificial e Big Data, que se impartirá o próximo curso 2022-23 no instituto IES Fernando Wirtz Suárez, na Coruña.
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e mais Sergi Biosca, CEO da compañía en España, asinaron o acordo de colaboración para a implantación deste máster dual, nun acto no que estiveron acompañados de Alberto Borrego, responsable de NTT Data en Galicia, e do director xeral de Formación Profesional, José Luis Mira.
Román Rodríguez salientou que a posta en marcha deste curso dual é “un paso adiante na oferta de FP” e responde á folla de ruta do Goberno galego de apostar por disciplinas “de alta especialización, alto valor engadido e alta empregabilidade” que son clave para o presente e o futuro da sociedade “e cada vez máis solicitadas non só polas empresas tecnolóxicas, senón polas firmas de todos os sectores”.
O conselleiro aproveitou a súa intervención para agradecer a implicación da empresa NTT Data neste proxecto, “unha compañía referente no eido das novas tecnoloxías que ten unha dimensión global con presenza en máis de 50 países e con sedes na Coruña e en Santiago”. “Grazas a empresas coma esta -engadiu- hoxe en Galicia temos unha FP dual plenamente consolidada e afincada no noso tecido produtivo”.
Pola súa banda, Sergi Biosca, CEO de NTT DATA España salientou que “a empresa está comprometida co desenvolvemento de emprego de calidade que contribúa a crear oportunidades para que todas aquelas persoas que queiran medrar profesionalmente poidan traballar aportando valor á sociedade nun marco de flexibilidade e benestar persoal. Ser pioneiros neste tipo de formación co Xunta é un paso máis para conseguilo”.

800 empresas colaboradoras

A día de hoxe a Consellería conta coa colaboración de 800 empresas para desenvolver a modalidade de formación dual cun itinerario formativo completo que comeza na FP de grao básico e remata nos mestrados de FP, estes últimos centrados en áreas de futuro como son a intelixencia artificial, o big data, a ciberseguridade, os drons ou a fabricación aditiva entre outros.
Os centros educativos galegos ofertarán o próximo curso un total de 35 mestrados de FP, que suman 700 prazas (160 prazas e nove curso de especialización máis que este curso). No caso concreto da modalidade dual -con taxas de inserción laboral que superan o 96%- tamén se ve significativamente reforzada con 120 novos proxectos e un total de 1.896 prazas, unhas 460 máis.

Competencias en programación e sistemas intelixentes

O mestrado de FP Dual en Intelixencia artificial e big data disporá de 20 prazas e conta con 600 horas lectivas de formación curricular, 400 delas (o 67%) que se desenvolverán no centro educativo e as 200 restantes (o 33%) na empresa.
Durante a súa realización os alumnos capacitaranse en competencias como a programación e a aplicación de sistemas intelixentes que optimizan a xestión da información e a explotación de datos masivos, sempre respectando o acceso seguro así como os principios éticos e legais establecidos.
No período de formación na empresa os alumnos están dados de alta na Seguridade Social, cotizando e percibindo unha compensación económica pola actividade que realizan.

PUBLICIDADE