A intelixencia artificial derrota ao mellor xogador do mundo de Weichi

martes, 23 de maio do 2017 Marcus Fernández

O ano pasado o sistema de intelixencia artificial de Google baseado na tecnoloxía de DeepMind, AlphaGo, demostrou os seus avances ao conseguir derrotar a Lee Sedol, un dos mellores xogadores do mundo de Weichi (Go, en inglés) nunha serie de 5 partidas. Agora a historia repítese, e AlphaGo bateuse contra Ke Jie, considerado o mellor xogador do mundo de Weichi, superándoo en só medio punto, que é a marxe de vitoria máis curta posible, confirmando a superioridade da máquina neste complexo xogo (que supón un reto moito maior que o xadrez, co que IBM xa conseguir que o Deep Blue derrotase aos mellores xogadores do mundo).
Tras a contenda, Demis Hassabis, director xeral de DeepMind, asegurou que AlphaGo estaba programado para maximizar as posibilidades de vitoria e non as marxes de vitoria, de aí que a apertada vantaxe conseguida pola máquina non sería unha preocupación.
Desta volta chamou a atención que a intelixencia artificial de Google tomou 10 veces menos tempo que nas partidas do ano pasado, deixando claro que están a producirse grandes avances neste eido, servindo principalmente este tipo de competicións para marcar fitos, xa que os avances da intelixencia artificial son complicados de medir e os seus ámbitos de aplicación moi diversos.
O enfrontamento entre AlphaGo e Ke Jie continuará o xoves e o sábado, cando espérase a confirmación da superioridade da intelixencia artificial fronte aos humanos ante este tipo de retos.

Vídeo co enfrontamento íntegro

PUBLICIDADE