A innovación e o turismo, eixo central dun encontro organizado pola Factoría de Innovación da Coruña

martes, 18 de marzo do 2014 Redacción

Foi na mañá de onte, 17 de marzo, cando tiña lugar o encontro empresarial O papel da innovación no sector turístico, ao que acudían os profesionais do eido e do que se tiraba como principal conclusión que a innovación e a modernización tecnolóxica son esenciais para mellorar os procesos de xestión e os servizos no sector do turismo e a hostalaría. Deste xeito, unha trintena de profesionais do sector turístico de Galicia xuntábanse no Centro Superior de Hostalaría de Galicia (Santiago), un encontro organizado pola Factoría de Innovación da Coruña, promovido pola Escola de Organización Industrial (EOI) e a Deputación da Coruña; e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.
A xornada en cuestión centrouse en analizar o rol estratéxico que desempeña a innovación no futuro do turismo e a hostalaría, identificando que vantaxes e oportunidades pode achegar a tecnoloxía e a incorporación de vangardistas sistemas de xestión para optimizar procesos, servizos e a atención ao cliente.
Patricia Cuevas -directora do Centro Superior de Hostalaría de Galicia- deu a coñecer o modelo de innovación seguido por esta entidade para adaptar a oferta formativa á realidade do sector e as esixencias que se están observando a nivel global. Salientou a importancia dunha aposta pola innovación e a suma de pequenas ideas que xorden no día a día da compañía de cara a xerar unha mellora da xestión e a achega de valor engadido aos clientes.
Pola súa banda, Javier Fernández -director de Novos Negocios de TB Media Consulting- compartiu cos asistentes a experiencia desta consultora de comunicación que decidiu dar un paso máis e distinguirse de axencias tradicionais apostando pola especialización e a innovación tecnolóxica como elemento que marca as diferenzas. Froito desta estratexia naceron a compañía galega Coremain, coa que xa puxo en marcha Tasting Europe, unha website sobre gastronomía europea; ou a Compostela dixital, un novo sistema de recoñecemento facial que permitirá aos peregrinos conseguir esta acreditación sen necesidade de realizar ningún trámite en papel.
Por último, Marcos Pampliega -membro da Oficina Técnica da Factoría de Innovación da Coruña- pechaba a xornada subliñando a importancia dos beneficios que a innovación achega ás empresas nunha contorna globalizada, no que a competencia é cada día maior, e salientando que se debe apostar por ideas innovadoras que melloren os procesos de xestión e os servizos. Neste senso afirmou que aspectos como o turismo experimental, a oferta en tempo real, a multicanle ou a xeolocalización serán chaves para o futuro do sector.

PUBLICIDADE